Numerosas persoas apoian a Laura Bugalho ás portas do xulgado e exixen o arquivo da causa

A sindicalista Laura Bugalho enfróntase a até 8 anos de cadea polo seu traballo con inmigrantes. Numerosas persoas exixen perante o xulgado o arquivo da causa

 

"Moitas Lauras precisa este país", "Na Galiza ninguén é estranxeira" ou "Na Galiza ninguén é ilegal" foron alguns dos cartaces e palabras de orde que @s concentrad@s ante os xulgados de Compostela exhibiron en apoio a Laura Bugallo, sindicalista da CIG e activista que se enfronta a até 8 anos de prisión polo seu traballo con inmigrantes. 

Alén de numerosas persoas, tamén había na concentración representantes de colectivos, plataformas e organizacións políticas. Un amplo abano de apoios ao traballo desta sindicalista e de rexeitamento da causa aberta contra ela.

A fiscalía pide até seis anos de prisión por falsidade documental. A policía española eleva a petición de pena até oito anos ao teimar en que a activista trans e traballadora da CIG lidera unha mafia. 

Bugallo presta declaración canda outras oito persoas, todas inmigrantes, ao redor dun delito de falsidade documental continuada de documentos públicos, polo cal a fiscalía solicita entre tres e seis anos de cárcere. Porén, o grupo operativo de estranxeiría da policía española sostén que o delito cometido pola activista é de trata de seres humanos, suposto en que Bugalho se enfrontaría a unha pena de entre tres e oito anos de prisión. 

O caso foi pechado pola xuíza Ana López-Suevos xa na fase da instrución. Malia isto, a fiscalía presentou un recurso que foi admitido a trámite e en virtude do cal a activista sindical declarará como imputada na vista previa a un xuízo que se adiará, previsíbelmente, até a primavera