Centos de brigadistas, comuneiros e afectados polos lumes, contra a visita dos neonazis de Hogar Social

“Fascistas, non sodes benvidos” é o título do manifesto, no que exixen a HSM “que non poñan un pé no noso país”. Hogar Social Madrid anunciou que acudiría a Galiza con “axuda humanitaria”. 

O anuncio de Hogar Social Madrid de que acudiría a Galiza con “axuda humanitaria” para as persoas afectadas pola vaga de lumes xerou unha ampla reacción de rexeitamento. Non só nas redes sociais, senón tamén na elaboración dun manifesto por parte dun grupo de traballadores forestais en que se rexeita esa visita: “Fascistas, non sodes benvidos”.

 

Máis de 1400 persoas asinaron a favor do comunicado en apenas 3 horas, entre elas destacan as 41 traballadoras en servizos de extinción, presidentes de comunidades de montes, 26 organizacións, asociacións e colectivos culturais, 30 cargos públicos e numerosas veciñas afectadas.

 

“Non estamos dispostas a que a traxedia vivida polo noso pobo nos pasados días lle sirva a esta calaña como escusa”

 

“Rexeitamos rotundamente a axuda oferecida polo colectivo de carácter fascista e neonazi Hogar Social Madrid”, comeza o manifesto, no que se afirma que “non estamos dispostas a que a traxedia vivida polo noso pobo nos pasados días lle sirva a esta calaña como escusa”. Definen Galiza como “unha terra acolledora e fraternal, e quen sementa odio nas nosas rúas e agrede as nosas irmás e irmáns pola súa etnia, pola súa situación socioeconómica ou polo seu compromiso antifascista, non é benvido na nosa terra”.

 

Critican o racismo e a xenofobia deste colectivo, así como a súa implicación en mobilizacións contra dereitos como o de autodeterminación dos pobos. Por iso, conclúe o comunicado, “esixímoslles aos nazis de Hogar Social Madrid que non poñan un pé no noso país co fin de aproveitar a dor da nosa xente para sementar odio e división”.

 

As sinaturas poden consultarse no ficheiro adxunto, "Fascistas, non sodes benvidos". Entre as persoas asinantes hai xefes de brigadas forestais, brigadistas, peóns forestais, enxeñeiros forestais, comunidades de montes e veciños de zonas afectadas pola vaga de lumes. Tamén cargos públicos e representantes de organizacións políticas, nomeadamente do BNG e En Marea, asinan o comunicado. Así como delegados e representantes de sindicatos como CIG ou CUT, ou de organizacións como Fruga, Erguer, APDR. entre outras.