Centos bótanse ao monte para reivindicar que a Serra do Galiñeiro sexa Parque Natural

Foto: J.M Domínguez

A V Andaina na defensa deste entorno contras os proxectos e ameazas ambientais xuntou o domingo a centos de persoas nunha camiñada de 10 Km no que houbo reivindicación, convivio, poesía e música.

Máis de dúas mil persoas tomaron parte este domingo na V Andaina Serra do Galiñeiro Parque Natural convocada pola Plataforma pola Protección desta contorna natural, baixo ameaza de explotacións mineiras e parques eólicos.

O bo tempo acompañou ás centos de persoas participantes nunha cita que combina reivindicación, lecer e convivio. Un programa no que, á ándaina de 10 kilómetros pola serra, se sumou música, poesía e a lectura dun manifesto a cargo da escritora Teresa Moure.

O que se reivindica é que se declare a Serra do Galiñeiro como parque natural, ao igual que xa o é o Monte Aloia na súa parte sur. Para a Plataforma a fórmula que propón a Xunta, O Espazo Natural de Interese Local, non abdonda.

Que ameazas?

Como lembra Belén Puñal no Sermos Galiza nº94, “É a zona alta da serra, a que lle dá o seu perfil característico, unha das máis ameazadas, pois nos seus cumios está prevista a construción dun parque eólico de 39 megawatios, con muíños de 175 metros de alto, por parte da empresa Terra do Vento S.L, pertencente ao mesmo tempo a unha empresa española integrada en Element Power España S.L, con domicilio en Nova Yersey, e con capital maioritario de Credit Suisse. O proxecto está aínda pendente da declaración de impacto ambiental da Xunta”.

Aliás, a outra gran ameaza, a mineira, segue vixente. O ano pasado, toda esta área, a excepción do Monte Aloia, foi incluída no concurso de dereitos mineiros convocado pola Xunta na orde do 7 de febreiro de 2013. Segundo destaca Rodríguez, no Censo Catastral Mineiro de Galicia, a práctica totalidade da serra do Galiñeiro, agás o Monte Aloia, está repartida en diferentes dereitos mineiros, ou para a explotación de Terras Raras ou para a de granito.

Fotos: José Manuel Domínguez