Centos de alegacións contra o proxecto de pirotecnia en Teo

Veciñas e veciños de Teo esta quinta feira en Compostela, diante do Rexistro Xeral da Xunta da Galiza (Foto: Nós Diario).
Esta quinta feira remataba o prazo para presentar alegacións ao proxecto que presentou Pirotecnia Calo S.L. para abrir unhas instalacións en Teo. Veciñas e veciños aproveitaron para entregar máis documentación argumentando a perigosidade do plan empresarial e lembrando traxedias como a de Tui.

Veciñas e veciños de Teo, xunto con representantes do BNG, presentaron no Rexistro Xeral da Xunta da Galiza as últimas alegacións para solicitar á Subdelegación do Goberno español que denegue a autorización para a instalación dunha pirotécnica no lugar de Solláns, na parroquia de Calo.

Unha das portavoces da veciñanza, María, explica a Nós Diario que aproveitaron até o derradeiro día para seguir entregando documentación. “Máis de 300, aínda que é moi difícil pór un numero ao entregarse unha parte por outros rexistros e mesmo desde fóra ao ser período de vacacións”, asegura.  

Nas alegacións, sinalan que no proxecto que presentou Pirotecnia Calo S.L. “figuraba que as instalacións estaban illadas cando non é así, mesmo hai vías polas que pasan transportes escolares e hai unha parada de autobús”. Alén diso, apunta que “as distancias que figuraban no seu proxecto non son reais e algunhas casetas que din que arranxarán en realidade non existen”.

María sinala que a empresa de pirotecnia conta cun informe favorábel da Garda Civil de Madrid “mais ao proxecto que presentou non é a realidade que nos constatamos”. Neste sentido, afirma que se o proxecto reflicte "que o núcleo de Solláns é pequeno e pouco poboado, isto non é así, é un lugar con numerosas vivendas, así como con distintos locais comerciais, a sede dunha asociación ou mesmo a sede do Conxunto de Escolas Rurais Agrupadas".

Precisamente, a mesma empresa de Teo, na madrugada do 13 de febreiro de 2006, sufriu unha explosión a tan só 150 metros de vivendas habitadas destruíu propiedades nun radio de 400 metros, afectando a 40 casas da contorna con danos estruturais nalgunhas vivendas. A Audiencia Provincial condenou o seu propietario, Alfonso Calo, a 21 meses de cárcere, unha multa económica e a inhabilitación profesional por 9 anos. 

O "medo" a "unha polvoreira"

Desde o BNG de Teo demandan que se tome nota da oposición veciñal “e as gravísimas consecuencias que podería ter na parroquia se se autoriza a instalación dun taller pirotécnico no lugar de Solláns”.

Nesta segunda entrega dirixida á Subdelegación do Goberno español, a portavoz nacionalista Patricia Castelao, defendeu que o número de alegacións recollida demostra "o clarísimo rexeitamento e o medo a pór unha polvoreira á beira das súas casas". Por este motivo exixiu que "as administracións tomen nota da oposición dos veciños e, de maneira especial, de todas as razóns, de carácter técnico, que achegan para demostrar que autorizar un proxecto así sería unha temeridade imperdoábel".

No día de onte tamén o PP amosou o seu posicionamento en contra do proxecto.

Lembrando Tui

Na memoria da veciñanza de Calo, ademais, está a traxedia que tivo lugar en Tui en maio de 2018. Daquela o almacenamento de material pirotécnico provocou unha explosión na parroquia de Paramos que causou a morte de dúas persoas, trinta resultaron feridas e os danos materiais cifráronse en ao redor de 8 millóns de euros. 

A empresa responsábel do suceso, La Gallega S.L., tiña depósitos ocultos de material explosivo, un deles nunha vivenda dese lugar.

O xuízo ao seu propietario, en liberdade na actualidade, aínda está pendente de data e a previsión é que terá lugar en 2023, tendo que afrontar entre 4 e 8 anos de cárcere por dous delitos de homicidio imprudente. No caso de Teo, as veciñas e os veciños acudiron ao mesmo avogado que está a levar o caso de Tui.