Un total de 539 pacientes permancen hospitalizados

Un cento de persoas enfermas están en UCI

Sanitarios traballadores de Urxencias hospitalarias. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Dos cinco ingresos contabilizados polo Sergas desde as 18 horas do sábado, catro están en unidades de Coidados Intensivos.

Segundo o balance ofrecido pola Consellaría de Sanidade, na mañá deste domingo, o número de persoas hospitalizadas con Covid-19 viviu un aumento tras encadear varios días de baixada. O incremento é dun total de cinco ingresados máis, onde o máis destacábel é o aumento dos pacientes en UCI (Unidade de Coidados Intensivos), que subiron en catro persoas e xa atinxen o cento.

Até o de agora hai un total de 539 persoas ingresadas nos hospitais das sete áreas sanitarias. Delas, 439 están hospitalizadas en unidades convencionais (unha persoa máis que o sábado) e 100 estan en UCI. De este modo, os datos do domingo rompen a tendencia de descenso no  número total de hospitalizados, ascendendo en todas as áreas sanitarias agás en Ourense, Pontevedra-O Salnés e Lugo.

Así, A Coruña-Cee segue a ser a área con maior número de persoas ingresadas con Covid-19, con cinco hospitalizados máis, e chegando aos 167, dos que 29 están en UCI. En Vigo tamén aumentan os ingresas, con dúas hospitalizacións máis, o que deixa a cifra en 88, dos que 25 permanecen en críticos.

Ourense presenta unha baixada de ingresados, con 78, dous menos que no balance deonte, e con 10 pacientes en UCI.

Mentres, na área de Compostela-Barbanza hai un lixeiro aumento e chegan aos 53 ingresados, un mais que onte, e 12 persoas en UCI.

Na de Lugo baixan até 48 as persoas ingresadas, dúas menos que na véspera, e delas, cinco están en críticos.

Na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés descenden en dúas as persoas con Covid-19 hospitalizadas até quedar en 57, delas cinco están en UCI.

En Ferrol a cifra sobe até os 44 hospitalizados, un máis que na xornada do sábado, e do 12 persoas atópanse en unidades de críticos.