Censuran a desinfección da área de Reanimación do Hospital de Ourense "con doentes Covid e persoal"

Persoal sanitario da unidade de críticos do CHUO.
Desde o CHUO sinalan falta de aviso e garantías.

Persoal sanitario da unidade de Reanimación do Hospital Universitario de Ourense, que neste momento funciona como unidade de pacientes críticos con coronavirus, censuran a planta de previsión e información por parte da Xerencia da área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras á hora de planificar a limpeza e desinfección da unidade na que traballan.

 "De súpeto, coincidindo co inicio da xornada -da pasada quinta feira- descubrimos que ían proceder á limpeza e desinfección da zona de REA cos pacientes dentro de boxes fechados sen contar con que o persoal precisa botar man de todo o material e medicación que hai fóra para poder atender as necesidades dos pacientes", explican en declaracións a Nós Diario. 

A comunicación chegoulles por sorpresa a primeira hora da mañá, poucos minutos antes de  que os profesionais encargados da desinfección comezasen os traballos de limpeza. Neste sentido, o colectivo sanitario critica que nin  desde o servizo de Preventiva nin desde Dirección de Procesos recibiron ningunha instrución que ademais de anunciar este procedemento "asegure que vai ser respectuoso coa nosa saúde e coa dos propios doentes".

Malestar

A intervención do equipo de limpeza sen previo aviso causou malestar entre o persoal auxiliar, médico e de enfermaría, que non atoparon forma de negarse á desinfección para garantir o coidado das persoas enfermas.

"Houbo compañeiros que tiveron que saír polo cheiro dos produtos. A propia empresa de limpeza indicou á Xerencia que non era forma de proceder" e, de feito, inciden, é a primeira vez que se leva a cabo unha limpeza nestas condicións. 

"É moi grave", manteñen, "máis cando tanto inciden na importancia do persoal de coidados críticos e cando no resto de unidades Covid do CHUO a desinfección se realizou sempre unha vez baleiras, sen persoal, para ficar fechadas durante 24 horas", critican.