Censuran o alcalde de Sanxenxo por culpar o persoal médico e a xente moza do avance da Covid

Varias persoas nunha terraza en Sanxenxo (Imaxe: Beatriz Ciscar / Europa Press)
A Confederación Estatal de Sindictos Médicos pide a súa dimisión mentres que desde a plataforma en defensa da sanidade pública instan a Telmo Martín a mellorar as condicións do persoal de atención no PAC de Baltar.

A delegación da Confederación Estatal de Sindicatos Médicos na Galiza (CESM) pide a dimisión do alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, por "acusar os sanitarios de facer política e desatender o seu traballo" no pleno municipal da pasada segunda feira.

Nun comunicado de prensa, CESM critica que o rexedor acusase "os sanitarios do Punto de Atención Continuada (PAC) e do Centro de Saúde de Sanxenxo-Baltar de facer política e desatender o seu traballo profesional".

"O rexedor chegou a dicir que o PAC de Baltar funciona ben, pero podería funcionar mellor se algúns dos profesionais que hai alí dedicásense máis ao seu labor como médicos e como enfermeiros que a facer política", censurou o sindicado médico. "Por se non fose suficiente con esas declaracións engadiu que 'estou en contra dalgúns que están a facer as cousas moi mal porque lles dá a gana, e non merecen o traballo que teñen'", lamentou.

A xente moza, sinalada

Desde a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Sanxenxo, tamén se pronuncian en contra das manifestacións do alcalde do Partido Popular "que en vez de recoñecer erros, correxilos e buscar solucións, nega e culpabiliza aos demais. Cando non é aos sanitarios, é ás persoas de a pé". 

Neste sentido, o colectivo que representa a "todas as persoas que sufrimos o desmantelamento deste servizo público e universal: traballadores e traballadoras do eido sanitario e persoas usuarias", defenden que "antes de culpabilizar á xente nova chamándolles irresponsábeis", o alcalde "debera afondar nas causas polas que algunhas persoas das citadas e autocitadas non acoden ás probas".

A plataforma sanitaria apunta a época do ano, o lugar escollido, os compromisos laborais, as esperas e mesmo a falta de sitio para aparcar como algúns dos motivos que poden axudar a explicar esas ausencias.

"Coidamos que, a única persoa que sobrou no cribado de Nauta foi o alcalde, que nin pertencía ao dispositivo de cribado nin ía a que lle fixeran a proba. Todas as demais estaban onde lles correspondía: ben desempeñando o seu traballo ben sendo sometidas ás probas de antíxenos".

Falta de persoal

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Sanxenxo asegura nun comunicado que "a falta de persoal e outros medios e decisións tales como contratar persoal para facer tests de pago nas zonas de movida e non para a Atención Primaria son decisións políticas; e o persoal sanitario e as usuarias deste servizo sufrímolas". 

Así, critican que o alcalde Telmo Martín poña por diante da saúde das persas e do control da Covid o seu "rédito político", máis cando se está tratando "cunha enfermidade pandémica que non entende de negocios nin ten horarios nin distingue entre casinos e restaurantes; entre verbenas e espectáculos musicais; nin fai distinción entre concellos".

Sen reforzos

O PAC de Baltar segue sen reforzos, denuncia, e nesta quinta vaga a carga asistencial está sendo moi dura para a Atención Primaria, polo que chama a defender a sanidade pública de calidade, "goberne quen goberne".