Cen días de prisión para un veciño de Vilagarcía por desobedecer o confinamento

A Policía controla na Galiza as saídas e viaxes inxustificadas (Europa Press)
O xulgado de instrución número 3 de Vilagarcía de Arousa acaba de condenar a cen días de prisión un home que na tarde de onte abandonou o seu domicilio sen motivo aparente, como autor dun delito de desobediencia grave, por incumprir as normas do estado de alarma. 

A titular do xulgado decretou a suspensión da pena imposta ao investigado durante tres anos, condicionada a que non delinca durante ese período. O axuizado amosouse conforme coa pena, polo que non recorrerá a resolución.  

O home foi interceptado por catro axentes da Policía Nacional cando saía do portal do inmóbel no que reside. O acusado, segundo consta na sentenza, xa fora denunciado administrativamente os días 16, 21 e 23 de marzo por incumprir o confinamento e saír á rúa sen motivo aparente. Segundo estima a xuíza, actuou  “sabendo da vixencia do estado de alarma no territorio nacional, con absoluto menosprezo á limitación da liberdade de circulación imposta e sen causa xustificada”.

A resolución advirte que, en caso de incumprir as condicións impostas e volver infrinxir as medidas que impón o estado de alarma "podería revocarse a suspensión da pena", o que o levaría á cadea. 

Só na primeira semana de aplicación do estado de alarma, máis de 40 persoas foron detidas na Galiza por incumprimento das restricións aplicadas. e 3.300 recibiron sancións.