Cementos Cosmos recibe unha subvención da Xunta para volver queimar rodas

Unha sentenza de 2006 prohibiu esta práctica a menos de 2 mil metros das casas, mais en 2008 ficou derrogada esta distancia mínima e a potestade de decidir se se autorizaba ou non a incineración quedou en mans do Goberno galego. A empresa argumenta a necesidade de ''mellorar a eficiencia enerxética'' e, con tal obxectivo, a Xunta concédelle unha axuda de 18 mil euros

Após seis anos de que o Tribunal superior de xustiza de Galiza ditara unha sentenza prohibindo a queima de pneumáticos na cementeira Cosmos, no lugar de Oural, en Sarria, a asociación ecoloxista Adega vén de denunciar que a empresa pretende recuperar esta práctica, e cunha subvención da Xunta de 18.000€, ao argumentaren a necesidade de "mellorar a eficiencia enerxética".

Así as cousas, a derrogación do Regulamento de actividades molestas, insalúbres, nocivas e perigosas --Raminp-- para substituílo polo Decreto 133/2008, de Incidencia ambiental, suprimíu a distancia cautelar de 2 mil metros das instalacións contaminantes aos núcleos habitados, argumento empregado polo Superior galego para impedir a Cosmos queimar plásticos e rodas.

Desde hai catro anos é a Xunta quen decide se tal actividade debe someterse ao trámite de incidencia ambiental e, de ser o caso, emitir autorización. Advirten desde Adega de que, se ben non figura publicada ningunha resolución nesta liña, a cementeira anunciou a súa intención de volver queimar pneumáticos. Cosmos ten a Avalicación ambiental integrada pendente de renovación, e da queima dos residuos que se pretenden eliminar emítense substancias "altamente canceríxenas", tal e como informan @s ecoloxistas.

A non menos de 2 mil metros dos núcleos habitados
Ao fío, desde Adega lembran a Cosmos que existen alternativas á incineración --reciclado como superficies deportivas ou aditivo para o recubrimento das estradas, entre outros-- e arremeten contra a Xunta polo desleixo manifestado tamén nesta ocasión, concedendo incluso unha subvención en xuño para "proxectos de aforro e eficiencia enerxética", o argumento da empresa para proceder á queima de rodas usadas e doutros pláticos.

Na resolución de 2006, o Tribunal superior galego recoñece esta práctica como "molesta, insalúbre, nociva e perigosa", sinalando que non podería realizarse a menos de 2 mil metros dos núcleos habitados. Mais ao derrogaren o Raminp en 2008 ficou eliminado tamén o argumento xudicial en favor da potestade da Xunta para decidir se a práctica debe ser sometida a Incidencia ambiental e emitir o ditame que a autorice. Non hai ningunha resolución conforme a que Cosmos queime rodas e outros restos plásticos, mais as informacións que manexan @s ecoloxistas apuntan a que xa comezaron a incinerar este mes.