A celulosa de Altri vertería 255 quilogramos diarios de nitratos ao río Ulla
Mentres a Consellaría de Medio Rural vén de anunciar a inminente declaración na Galiza de zonas vulnerábeis de nitratos (ZVN), entre outros, aos concellos de Melide e Santiso (comarca de Melide) —directamente afectados polo proxecto de Altri— a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) positiva concedida á macrocelulosa na Ulloa dá o visto bo a unhas verteduras de Altri ao río Ulla de 255 quilogramos diarios de nitratos, equivalentes a 37 sacos de nitramón (fertilizante orgánico) vertidos directamente cada día ao río, segundo denunciaron esta sexta feira expertos e expertas en Santiso.
O colectivo Santiso Vivo realizou esta sexta feira unha mesa informativa sobre a declaración, por parte da Xunta de Galiza, do concello de Santiso como ZVN. Participaron expertas como Ana Fernández Santamariña, enxeñeira de Montes e vogal de augas de Adega; Xulio Fernández, coordinador comarcal do Sindicato Labrego Galego (SLG), e Ariadna Fernández, deputada do BNG no Parlamento da Galiza.
Coincidiron en criticar o feito de que a mesma Xunta da Galiza que autoriza ambientalmente cunha DIA positiva a macrocelulosa de Altri pretende ao mesmo tempo “penalizar” o sector agrogandeiro da zona pola presenza de nitratos. Segundo os cálculos das emisións de nitratos previstos na DIA concedida pola Xunta a Altri, “a autorización do Goberno galego inclúe unha vertedura por parte de Altri de 255 quilogramos diarios de nitratos ao río —a razón de 8,5 miligramos de nitróxeno por litro nos 30 millóns de litros de vertedura diaria previstos pola macrocelulosa—, “o que equivale a 37 sacos ao día de nitramón directamente ao río Ulla”, que a empresa quere verter no Sexo, Agolada (O Deza), a 1,5 quilómetros do encoro de Portodemouros.
A Xunta “criminaliza” os gandeiros, denuncian
Xulio Fernández destacou que desde o SLG téñense analizado os datos a respecto destas declaracións de ZVN, “que se basean en analíticas de entre 2016 e 2019” cando a propia Xunta da Galiza “ten analíticas máis recentes” de entre 2020 e 2023 que avalían que “Santiso e Melide reduciron os seus niveis de contaminacións por nitratos e mesmo están por debaixo do límite, co que deberían quedar fóra das ZVN”. Desde o SLG, Fernández explicou que “non se pode penalizar concellos con gandaría tradicional en base a pastos e ao mesmo tempo autorizar a macrocelulosa de Altri”.
Dixo o responsábel comarcal do SLG que precisamente este sistema da gandaría tradicional a pastos “mitiga os efectos da contaminación por nitratos” nas zonas nas que existe. Considera o SLG que é inadmisíbel “penalizar as granxas sostíbeis e no mesmo mes darlle o permiso á macrocelulosa de Altri”.
Contaminación autorizada para Altri
Tamén Ana Fernández Santamariña explicou que “os nitratos son moi problemáticos, pero a única fonte non son as agrarias”. Explicou que no caso de Santiso trátase dunha “zona coa gran maioría de explotacións en extensivo”, polo que asegurou que o que acontece é que “se pretende criminalizar os gandeiros, que non fertilicen as súas terras”, mentres que a Xunta por outra banda “permite a unha macrocelulosa contaminar directamente o río con moitas substancias, entre as que estarían 255 quilos diarios de nitratos”.