Do 21 ao 23 de setembro

Celebración do poldro de Muras

Imaxe da Feira do Poldro de Muras. Foto: Concello de Muras.

Se existe unha imaxe paradigmática da Serra do Xistral é a dos cabalos ceibes. A celebrar a súa existencia, a súa utilidade, o seu valor, dedica o Concello de Muras a Feira do Poldro e do Gando do Monte, que esta fin de semana atinxe a súa edición número 31.
 

“O gando cabalar do monte ten moita importancia”, sinala a teniente de alcalde de Muras, Belén Chao, “e nós queremos poñelo en valor. Na actualidade está vido a menos e queremos revertelo”. A carne de poldro non se consome como se consumía, a despoboación do rural afecta a cabana gandeira, e os ataques do lobo medran. “Pretendemos darlle o valor que ten, e non só á carne. O gando no monte inflúe na paisaxe e actúa como cortalumes”, di.

 

Malia a que cada vez hai menos cabalos no monte, o seu prezo aumenta. “Os criadeiros crían menos e os lobos matan cabezas, e así o prezo sobe”, explica Chao. Ao tempo, as formas de comercio tamén mudan. As feiras perden o seu sentido comercial, porque os tratantes van na procura da carne casa por casa. Pero manteñen o de mostra, que xuntará este domingo 23 de setembro arredor 500 cabezas.

 

A Feira do Poldro naceu hai 31 anos dedicada ao “gando en liberdade”. “A primeira convocatoria foi case improvisada”, relata a edil, “saíu moi ben e até hoxe”. Os actos programados desta 31ª edición xa comezaron o pasado fin de semana cunhas xornadas de degustación de carne de poldro que se estenden até o sábado 22 de setembro: “Pódense elaborar pratos de caldiade e sabrosos, como empanada ou hamburguesa”.

 

O propio sábado, véspera do día grande da feira, haberá música e unhas Olimpiadas Rurais con xogos ecuestres, organizadas en colaboración coa Asociación Atila de Amigos dos Cabalos. Ao día seguinte, domingo, será a xornada principal da Feira do Poldro e do Gando do Monte. Haberá unha exhibición de poda en altura (ás 11.00 da mañá), paseos a cabalo para os pequenos e un concurso morfolóxico a cargo de Pura Raza Galega (Puraga) (ás 12.00 horas).

 

Entre o mediodía e as 14.30, poderá degustarse a hamburguesa Gañidoira de carne de poldro. Un roteiro de observación dos cabalos no seu propio hábitat, a serra do Xistral, e, xa de tarde, carereiras de cabalos completarán o programa.