Cegoñas con identidade galega

[Imaxe: XM Rivas] Cegoñas en Melide.
Pese a ter os seus bastións en Estremadura ou na Meseta española, organizacións como a Sociedade Galega de Ornitoloxía ou a Asociación Numenius teñen documentada a presenza de cegoñas en territorio galego desde os anos 50. Após un intenso declive que levou a incluíla na lista de especies ameazadas, as axudas á protección, os cambios socioambientais, a recuperación de humidais e a proliferación de vertedoiros fixeron que recuperasen poboación. Eis un extracto da información publicada no número 361 do semanario en papel Sermos Galiza.

Polas grandes zonas de veigas da cunca do Miño‑Sil, a Terra Cha e A Limia, pero cada vez máis tamén na comarca do Deza, na de Betanzos ou na de Bergantiños, entre outras, resulta habitual atoparse cun paxaro carnívoro de gran tamaño –pode chegar a superar o metro de longo do pico ás patas e os dous de punta a punta das ás– máis asociado aos tons pardos da Meseta castelá que ao verde das fragas galegas. Non obstante, á Ciconia ciconia, coñecida vulgarmente como cegoña branca ou cegoña ibérica, as terras da Galiza non lle son novas.

Como explica Óscar Rivas, presidente da Sociedade Galega de Ornitoloxía e membro da Asociación para o estudo e a conservación da biodiversidade Numenius, “a cegoña non é unha especie allea que nunca estivese aquí, por tanto, a súa presenza é unha recuperación, non unha introdución. Temos dados seus desde os anos 50, 60 ou 70, pero como non hai rexistros non podemos saber as magnitudes desas poboacións”.

O seu declive produciuse nos anos 70, chegando a desaparecer case por completo en territorio galego e portugués e reducíndose radicalmente o seu número tamén no Estado español. As razóns fundamentais foron o deterioro e desecamento de zonas húmidas, a tala de árbores e cambios e transformacións agrícolas como a concentración parcelaria, sen esquecer outras accións humanas como o asasinato a comezos dos 90 da última parella de cegoñas que aniñou na zona de Salvaterra en máis de quince anos.

A especie tocou fondo a mediados dos anos 80, cando se constatou que apenas quedaban un par de parellas en toda Galiza. Porén, e segundo dados do IV Censo Internacional sobre a cegoña branca elaborado por SEO/Birdlife en 2004 –o vindeiro terá lugar en 2024 e o previsto para 2014 non se realizou por falta de fondos–, a súa poboación incrementouse en máis dun 800%, acadando a cifra de 256 parellas na Galiza, case todas distribuídas polo interior.

[Podes ler a información íntegra no número 361 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]