As cegoñas fican 'orfas' de atencións en Ourense

Cegoñas nun niño. (Foto: Ecoloxistas en Acción)
Amigas das Cegoñas, a Sociedade Galega de Historia Natural e Ecoloxistas en Acción denuncian o "deficiente" coidado da especie protexida por parte da Consellaría de Medio Ambiente.

Están desatendidas ou descoidadas as cegoñas brancas -unha especie “protexida por lei”- que aniñan en Ourense? Quizais as e os profanos na materia non saiban que responder pero as entidades ecoloxistas téñeno claro: Medio Ambiente está a fallar como fornecedora de atencións a estas aves.

Os colectivos Amigas das Cegoñas, Ecoloxistas en Acción e a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) denuncian os supostos “erros desta tempada de aniñamento” e reclaman á delegación ourensá da Consellaría de Medio Ambiente que tome as medidas oportunas para protexer as cegoñas nos vindeiros anos.

Afirman que após unha reunión coa xefa territorial, o xefe do Servizo de Patrimonio Natural e un axente ambiental, obtiveron o recoñecemento por parte da Administración galega de que houbo unha atención “deficiente”.

“A xefatura territorial admitiu a falta de reacción e rapidez en determinados momentos como o de decidir non trasladar os polos do niño de Barrocás ao Centro do Rodicio e non ter actuado antes na atención ao polo do niño de Bispo Carrascosa que, finalmente, faleceu”, aseguran as agrupacións en defensa dos animais.

Asunción de responsabilidades sen compromiso de cambio

Cal foi a chave desa asunción de responsabilidades? Non hai versión da Xunta, mais as tres entidades acudiron ao encontro cun escrito que recollía unha investigación moi ampla sobre os sucesos acaecidos na etapa de “nidificación”.

Amigas das Cegoñas, a SGHN e Ecoloxistas en Acción achegaron a “necropsia” do polo falecido; “informes dos axentes medioambientais; copias das gravacións, fotos e outra documentación gráfica e o protocolo de actuación administración e empresa privada onde aniñaban as cegoñas”.

Ante tal cantidade de documentación, obtiveron un recoñecemento mais queren que os erros non se volvan repetir. Máis aló de entender que a Xunta debería ter consultado con persoas expertas, pensan que non se poden volver “deixar desamparados exemplares de cegoñas brancas protexidas por lei”.

No entanto, a respecto desta segunda fase, a de posta en marcha de actuacións concretas non están a acadar resultados. “Nunca houbo vontade por parte da administración de ter o control do tema”, denuncian, asegurando que elevaron a queixa á Valedora do Pobo e tamén alertaron do sucedido aos Ministerios de Cultura e Transición Ecolóxica.