Cedeira móvese para frear a instalación dunha planta de gas licuado

Imaxe da parroquia de Esteiro, en Cedeira. Foto: Patines Distinto (Fermín G. Díaz)

A veciñanza da parroquia de Esteiro recolle sinaturas en apoio das alegacións contra un proxecto impulsado por Gas Natural-Fenosa e que se levantaría nunha zona de uso agrario e alto valor ambiental e paisaxístico.

O proxecto de Gas Galicia [Gas Natural-Fenosa] para instalar unha planta satélite de almacenamento e distribución de gas licuado (PGL) na parroquia cedeirense de Esteiro non convence. Non convence nin á veciñanza, nin ao Concello (o arquitecto municipal emitiu aval negativo) nin a entidades como Adega ou Somos Cedeira. Cóntao 'Olloparo', un medio con alicerce en Cedeira e antenas en todo o país.

A PGL ocuparía unha superficie de perto de 6.500 metros cadrados nunha zona de uso agrario, próxima núcleos poboados, moi perto do adro de San Fiz e xeraría un alto impacto paisaxístico e ambiental. A Asociación de Veciños de Esteiro realizou esta semana unha recollida de sinaturas para apoiar as alegacións ao proxecto, informa 'Olloparo'. “O importante é manter a unidade veciñal xa que temos razón e diante está unha grande empresa con outros intereses”, afirmou unha veciña, nunhas declaracións recollidas por este medio de Cedeira.

A Asociación de Veciños de Esteiro pide  “que se mude a localización da citada instalación en vista da deficiente exposición pública do proxecto, como xa sinalou o informe técnico elevado no seu momento polo Concello a prol de que non se impulsen proxectos gasísticos de almacenamento e distribución e se potencien as renovables, e moi especialmente porque Cedeira dispón dun polígono industrial coas condicións adecuadas e maiores garantías medioambientais e sociais para acoller industrias que, como a aludida, entrañan un nivel de risco e alarma social en canto a Seguridade, Saúde, Contaminación, Impacto sobre o territorio e Agresión ambiental, entre outras. Como demostra o feito de que xa o 4 de novembro de 2011 Gas Galicia obtivese licenza para esas instalacións no Parque Empresarial A Trabe (expediente IN627A2008/9-0)”.

Desde o Concello apoiouse desde un primeiro momento á veciñanza e pediuse a colaboración de todas as entidades e colectivos do municipio. Segundo lembra 'Olloparo', o goberno cedeirés xa presentou alegacións dentro do ámbito das súas competencias en base a incumprimentos urbanísticos e medioambientais