CCOO convoca un comité de dirección sobre Altri unha semana despois de que a súa federación de Industria apoiase o proxecto

Amelia Pérez, secretaria xeral de CCOO na Galiza (Foto: CCOO).

A Comisión Executiva de Comisións Obreiras de Galiza convoca o próximo 11 de abril o Comité de Dirección Nacional para abordar o proxecto para A Ulloa.

A federación de Industria de CCOO na Galiza tomou o pasado 25 de marzo postura a favor do proxecto de macrocelulosa de Altri na comarca da Ulloa. A federación pedía cordura e diálogo sobre unha factoría que provocou nos últimos días unha vaga de protestas veciñais, cualificadas por esta federación de Comisións Obreiras como "insultos, empuxóns, bloqueos aos intentos de informar a técnicos de prestixio, descualificacións". 

Para esta federación, que considera que "a Ulloa precisa este proxecto", a macrofábrica de Altri en Palas de Reis "xerará moito emprego na comarca" e "incrementará os prezos da madeira" que se paga a "100.000 propietarios forestais" e provocará un "potente efecto tractor" sobre o sector téxtil, achegando obradoiros téxtiles á Galiza. 

A postura desta sección sindical xerou críticas e reproches entre os colectivos e entidades que están a denunciar o impacto deste macroproxecto.

Agora, unha semana após ese posicionamento público, a Comisión Executiva de Comisións Obreiras de Galiza convoca o próximo 11 de abril o Comité de Dirección Nacional, órgano integrado polos responsábeis das federacións e das unións comarcais e intercomarcais, “co obxecto de planificar a postura e folla de ruta da organización en relación co proxecto industrial estratéxico de Altri en Palas de Rei”.

Nun comunicado de prensa, o sindicato indica que “non se pode prescindir da creación de novos proxectos industriais para o cambio de modelo enerxético e produtivo que necesita Galiza”.

Mais, apunta, “este cambio require reforzar a aposta polas enerxías renovábeis, mellorar os apoios e a seguridade dos investimentos das empresas —o que contribuirá a desenvolver a capacidade tecnolóxica e a industria—, así como reforzar os medios para desenvolver políticas de prevención do risco químico e elaborar unha estratexia de química sostible ou química verde, baseada na protección da saúde e na substitución de determinadas substancias máis perigosas”.

“Debe estabelecerse unha estratexia integrada para a produción industrial limpa, baseada na prevención da contaminación, na xeración de menos residuos, e debe potenciarse o desenvolvemento rural a partir da xestión sostible dos recursos naturais e dos bosques, incluído o aproveitamento enerxético da biomasa”, afirma

CCOO indica que “o funcionamento democrático de todos os órganos do sindicato e o respecto ás decisións acordadas pola maioría son a base desta independencia e o que nos caracteriza como sindicato de clase. O Sindicato Nacional de CCOO asume as súas responsabilidades e articula a súa liña de acción con independencia dos poderes económicos, do Estado, da comunidade autónoma e as súas institucións, dos partidos políticos e de calquera outro interese alleo aos seus fins”.