Unha cazolada pola demisión do goberno local de Santiago, prólogo do último pleno do mes

[Imaxes: M.Montero]

Ducias de persoas secundaron a concentración convocada diante do Pazo de Raxoi para exixir a convocatoria de novas eleccións. Dez d@s 13 integrantes da equipa de goberno están imputad@s, incluído o alcalde, Ángel Currás.


Obreir@s nas cadeas e corruptos no poder. O lema máis que coñecido nas mobilizacións sociais, foi tamén o que se ouviu esta quinta feira na Praza do Obradoiro, en Compostela.

Na entrada do Pazo de Raxoi, onde ten a súa sede o Concello de Santiago, foi convocada unha concentración que serviu de prólogo para o pleno municipal, o último deste mes e no cal tomaron parte @s 10 edís do PP que teñen aberta algunha causa xudicial en contra. Este partido, que goberna con maioría absoluta, só ten 3 integrantes que non están imputad@s. 

14 organizacións pola demisión da equipa de goberno

Foron 14 as organizacións que asinaron un manifesto que alerta de que a cidade fica "submetida a unha permanente inestabilidade institucional" desde maio de 2011, cando o PP gañou os comicios municipais por maioría absoluta e Gerardo Conde Roa sentou na alcaldía en Raxoi. Conde Roa "foi forzado a demitir" en abril de 2012 ao ser imputado nun delito de fraude fiscal por defraudar a Facenda máis de 200.000 euros, delito polo que foi xulgado e condenado para alén de ser imputado tamén, en febreiro de 2013, na operación Pokemon. 

Substituíuno no cargo o número catro da candidatura con que gañou as eleccións, o ex-tenente de alcalde Ángel Currás, quen "continuou a aplicar as mesmas políticas antipopulares e contrarias aos intereses da maioría. Currás está tamén imputado na Pokemon e negouse a demitir. Porén, imputada está tamén Rebeca Domínguez, a edil que ocupou a vaga que Conde Roa deixara vacante nas filas conservadoras. E Albino Vázquez Aldrey, concelleiro de Seguridade Cidadá, que demitiu do seu posto após eludir a prisión pagando unha fianza de 15.000 euros. 

Cal é a situación actual?

Dez d@s trece concelleir@s que gobernan Compostela teñen unha causa aberta na súa contra. As últimas imputacións chegaron nas últimas semanas. Foron sete @s edís contra as que a titular do xulgado de instrución nº1 de Santiago, Ana López-Suevos, abriu un procedemento pola súa participación na xunta de goberno do 30 de maio en que se aprobou o financiamento con diñeiro público da defensa legal de Adrián Varela, concelleiro de Deportes imputado, tamén, na Pokemon. 

Da onda de imputacións, que foi cualificada pola voceira do Concello de Santiago, María Pardo, como "unha persecución política", só se libraron Currás --alcalde-- e Reyes Leis --tenente da alcaldía--. Malia faceren parte dese órgano de goberno, non asistiron á xunta do 30 de maio.

Así é todo, son só tres @s edís que non están imputad@s --Reyes Leis, Luis Meijide e José M. Rosende--, acumulando varias causas abertas algúns concelleiros como o de Obras, Juan de la Fuente, imputado tamén no caso das facturas falsificadas para beneficiar asociacións veciñais próximas ao PP. 

"Quen vai ser o seguinte dos 3 que faltan?"

Di o manifesto conxunto destas 14 organizacións que é esta a pregunta que se están a facer "todos os composteláns. "Seguimos gobernados por un grupo de presumidos delincuentes con nomes e apelidos", subliña o texto difundido, reproducindo a continuación as identidades d@s imputad@s: Ángel Currás, María Pardo, Rebeca Domínguez, Adrián Varela, Francisco Noya, Juan de la Fuente, María Castelao, Cecilia Sierra, Luís García Bello e Amelia González. 

"Todo indica que non se van ir voluntariamente, polo que cómpre exixir a súa saída". Por isto, anuncian mobilizacións populares para reclamar a demisión do alcalde e a disolución da corporación para que se convoquen novos comicios "e o pobo decida quen debe gobernar a capital da Galiza". O manifesto foi asinado por Agir, Anova, Bloque, Briga, Causa Galiza, CIG, Comités, Esquerda Unida, Fruga, Galiza Nova, Gentalha do Pichel, Isca!, Liga estudantil e Nós-UP.