Os cazadores volven exixir á Xunta que rebaixe a idade legal dos 16 aos 14 anos

Cartaz --unha oda ao sexismo máis rancio-- dunha feira de caza.

Na lexislatura pasada, o PP elaborou o borrador para mudar a Lei de 1997 que abrazaba varias peticións da Federación galega de caza, entre elas a da idade.


Coa tramitación da nova lei que rexerá a actividade cinexética, a Federación galega de caza á carga e encetaron xa reunións cos grupos parlamentares co obxectivo de rebaixar a idade que permite esta práctica dos 16 aos 14 anos. Denúnciao a asociación animalista Libera, quen informa de que, para alén de rebaixar a idade, o colectivo de cazadores suxire tamén que a distancia mínima de seguridade entre vivendas e as zonas de adestramento debe pasar dos 500 aos 100 metros. 

Continuando coas pretensións da Federación, propoñen a concesión de autorizacións especiais para cazar con armas. É dicir, tal e como alerta Libera, o que queren é "usar fogo real a unha distancia escasa de seguridade". 

Hai máis. Os cazadores queren que a nova lexislación prohiba "calquera práctica que entorpeza o normal desenvolvemento das cacerías", tornando ilegais as accións que diferentes colectivos ecoloxistas e animalistas veñen desenvolvendo en contra desta práctica. Por derradeiro, pretenden tamén que a falta por cazar en terreos vedados pase de 'moi grave' a 'leve' e, en consecuencia, que a sanción económica derivada quede en 100€. Actualmente está nos 6.0001€. As medidas son cualificadas por Libera de "barbarie lexislativa".

Na lexislatura pasada o PP intentou xa abrir a veda

Porén, non hai moitas novidades a respeito do borrador que o PPdG propuxo na anterior lexislatura para modificar a Lei de 1997, mais que finalmente non chegou a entrar no Parlamento para o seu debate. O texto, cuxa elaboración custou 49.000 euros, era, en esencia, o mesmo que contempla a norma do 97, mais maquillada ao gosto do cazador e reducindo o papel da Xunta á simple tramitación de permisos.

"A oposición social e do movemento ecoloxista foi tal que na consellaría determinaron que, de súpeto, xa non era unha lei prioritaria", ironiza Fins  Eirexas, secretario executivo de Adega. Esta asociación chegou a redactar unha contraproposta de Lei, ao entender que a achegada polo Goberno galego supuña entregar de facto a xestión da actividade cinexética á Federación galega de caza.

"Era unha lei feita por e para os cazadores", denuncia Eirexas, explicando que os prazos de cesión dos terreos para o aproveitamento cinexético se situaban nos dez anos, falando mesmo de cesións indefinidas. De a persoa titular do monte non acceder, tería que afrontar os gastos de sinalización da finca. Os grupos ecoloxistas ficaban eliminados dos comités provinciais e do comité nacional de caza, de onde tamén desaparecía a voz das universidades e d@s profesionais da investigación.

Pretendíase a autorización de competicións "fóra do periodo hábil, o que na practica suporía estar a cazar todo o ano", e abría os espazos naturais protexidos á libre declaración de explotacións cinexéticas comerciais de caza maior. En resumo: "unha encomenda ad hoc dos cazadores" que pretendía rebaixar até os 14 anos a idade mínima para poder practicar este 'deporte'. A pretensión repítese nesta lexislatura.