Caza e pesca e locais de máis de 400 metros, na fase 1

O Ministerio de Sanidade tamén avanzou que permitirá a apertura dos centros de día ou que se valore a prestación do servizo doutra forma.

O Ministerio de Sanidade incluíu a caza e a pesca como actividades que se poden realizar na comunidades ou áreas sanitarias que, como a Galiza, están na fase 1, a partir da segunda feira, 18 de maio.

Tamén permitiu a apertura dos locais de máis de 400 metros mais con espazo acoutado. Explicouno na tardiña da sexta feira, 15 de maio, en conferencia de prensa o ministro de Sanidade, Salvador Illa, que precisou que estes establecementos poderán abrir cumprindo cunha serie de requisitos por especificar.

A posibilidade de practicar a caza e a pesca así como a apertura dos locais de máis de 400 metros eran dúas das medidas que pedía a Xunta.

Satisfacción na Federación Galega de Caza

Nun comunicado remitido aos medios, a Federación Galega de Caza asegura que recibe "de bo grado" esta noticia aínda que chegue "baixo a rectificación dunha prohibición" que, na súa opinión, "nunca debería de terse producido" xa que "non había impedimentos sanitarios que non o permitisen".

A entidade sostén que se trataba dun "agravio comparativo" con outros deportes e actividades que se podían facer de forma individual e ao aire libre e avanzan que estudarán a especificación da apertura que se publicará no Boletín Oficial do Estado.

A federación pon en valor os contactos e reunións mantidas coa Xunta través da Consellaría de Medio Ambiente e da Secretaría Xeral para o Deporte que, segundo indica, deron o seu particular pulo para que a caza retome a actividade.

Ademais, agradeceu as reivindicacións realizadas por parte de varios presidentes autonómicos, entre os que se atopaba o titular da Xunta, Alberto Núñez Feixoo.

A entidade agarda que isto fose unha chamada de atención e un punto de partida para os diferentes órganos de Goberno, do presente e futuro, e "se lle dea a caza o valor que lle corresponde".

Centros de día

Na fase 1, segundo o avanzado por Illa, tamén se permitirá que as comunidades autónomas determinen a apertura dos centros de día para garantir a prestación do catálogo de servizos ou que valoren se é mellor prestalo doutra forma. Todo iso en función da situación sanitaria.