Denuncia da CIG

'Caza de bruxas' de Inspección nos centros nos que houbo consulta sobre a LOMCE

O sindicato nacionalista afirma que a Consellaría está utilizando as inspeccións “como se dun corpo policial se tratase” a fin de interrogar dun xeito intimidatorio os centros educativos sobre a realización do referendo das reválidas.

CIG-Ensino denuncia que a Consellería de Educación está a dirixirse aos centros de ensino secundario a través de Inspección para obter información do referendo sobre a Lomce que Erguer realizou o pasado 20 de outubro nunha trintena de centros de 20 comarcas galegas. Consultas que, lembra o sindicato nacionalista, tiveron lugar durante o recreo e sen que se rexistrase nin un sí incidente.

“A Consellaría interroga as direccións dos centros mediante unha batería de preguntas que exceden da simple consulta para coñecer a realización ou non do referendo no centro”, sostén a CIG, que cualifica de “conduta intimidatoria e represiva” as preguntas que realiza Inspección. “É inaceptábel e propio dunha caza de bruxas que a Consellaría use a inspección educativa para unha actuación policial en lugar de dedicar o tempo a outros cometidos”.

Gravidade

A central mantén que se está a preguntar se o profesorado e o equipo directivo participaron ou non no referendo, para alén de solicitar a relación do profesorado que participou .Para a CIG, estamos perante “un salto cualitativo na actitude represiva e autoritaria da Consellaría que procura calar as voces críticas, que son maioritarias, en contra da LOMCE e das súas reválidas”.