Cayetana Álvarez de Toledo, Pedro J. Ramírez, Emiliano García-Page e Jordi Sevilla participarán no Foro Sargadelos
Na última edición, dedicada ás relacións entre iniciativa privada e poder público, participaron Mario Conde, José Blanco, Juan Luis Cebrián e Isabel Díaz Ayuso.
A Fundación Sargadelos e o grupo Voar presentaron os XI Foros de Debate, un ciclo de conferencias que decorrerá en Ribadeo (A Mariña) entre xaneiro e febreiro de 2026 baixo a pregunta "É excesivo o intervencionismo estatal?". As sesións, de acceso libre e gratuíto, terán lugar no salón Mariña do Hotel Voar ás 20.30 horas.
A organización anunciou un cartel de intervencións que combina, un ano máis, voces polémicas do ámbito estatal. O xornalista Pedro J. Ramírez abrirá o ciclo o 16 de xaneiro; seguirá a deputada do PP Cayetana Álvarez de Toledo, o día 23; o 6 de febreiro está prevista a participación do presidente de Castela-A Mancha, Emiliano García-Page; e o feche, o 13 de febreiro, correrá a cargo do ex ministro Jordi Sevilla.
Desde a Fundación Sargadelos e o grupo Voar subliñan que cada edición procura situar enriba da mesa un tema "controvertido e incómodo" para estimular a reflexión desde perspectivas "intelectual, académica e política". O obxectivo, afirman, é promover o diálogo e contribuír á vida cultural da Mariña, amosando que desde unha "comarca periférica" e desde a iniciativa privada tamén se poden abordar "cuestións de interese xeral con voces de relevancia estatal e internacional".
Na última edición, dedicada ás relacións entre iniciativa privada e poder público, participaron Mario Conde, José Blanco, Juan Luis Cebrián e Isabel Díaz Ayuso.