Análise

As causas do desastre da Atención Primaria en Galicia

A Xunta de Galicia repudia o modelo de saúde comunitario baseado na implicación da poboación, advirte Martín. (Ilustración: Álex Rozados)
O médico de Familia, presidente da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública e portavoz da Plataforma SOS Sanidade Pública, Manuel Martín García analiza para 'Nós Diario' a situación da Atención Primaria.

Financiamento insuficiente. Durante anos a Atención Primaria recibiu unha parte moi escasa do gasto sanitario público, entre o 11 e o 14% do total, moi lonxe do 25% recomendado pola OMS e as sociedades científicas.

Recorte do persoal. Tras a crise económico-financeira do 2008 o goberno Rajoy impuxo ás CCAA recortes do gasto público. Como o gasto sanitario representa o 30% do gasto público galego e como o de persoal é o 40% deste, queda claro onde meteu o PP a tesoira para aforrar.

Desequilibrio e irracionalidade no persoal dos centros de saúde. A consulta médica acapara máis do 80% da demanda. Case a metade da demanda ten que ver con problemas psicolóxicos; a terceira parte precisa tratamento fisioterapéutico e rehabilitador; os problemas e conflitos familiares, laborais, educativos, a pobreza ou a marxinalidade condicionan outra parte da mesma.

No caso da saúde, o consumismo tradúcese en demandas irracionais de probas diagnósticas e consumo elevado de medicamentos

A pesar disto faltan prazas de enfermería, non hai psicoloxía clínica nos centros de saúde e apenas persoal de fisioterapia ou traballo social. Esta irracionalidade explica a masificación das consultas médicas e a frustración deste persoal que debe afrontar demandas propias doutras especialidades e para as que non está suficientemente formado.

Medicalización do modelo sanitario. O consumismo forma parte da cultura social e no caso da saúde está fomentado polas estratexias comerciais dos laboratorios e aseguradoras sanitarias, e tradúcese en demandas irracionais, consumo elevado de medicamentos, demandas de probas diagnósticas innecesarias. Isto condiciona a actividade da Atención Primaria en detrimento das actividades de promoción, prevención, rehabilitación ou educación sanitaria, na actualidade case desaparecidas dos centros de saúde.

Hexemonía da asistencia curadora e hospitalaria. A ideoloxía neoliberal, que orienta a política do Goberno galego, busca transformar a saúde nunha oportunidade de negocio. A Xunta de Galicia repudia o modelo de saúde comunitario baseado na implicación da poboación, organizacións e institucións locais (como os concellos), para intervir sobre os principais determinantes da saúde e da enfermidade. A Consellería incumpre a propia Lei de Saúde de Galicia que obriga a dar participación real á comunidade na xestión e control da Atención Primaria.

Unha xestión politizada e partidaria. A maioría dos cargos do Sergas están en mans de profesionais que carecen de formación e habilidades para administrar os recursos da Atención Primaria e son designados pola súa afinidade co Partido Popular, o que explica ademais o seu acatamento da estratexia de recorte e desmantelamento da sanidade pública.

A política de persoal do Sergas esta dirixida a aforrar e a explotar só persoal. Máis da metade do persoal non ten estabilidade, traballa en condicións de precariedade e carece de incentivos económicos ou profesionais que promovan a mellora da calidade.

Non existe unha planificación dos recursos da AP baseada nos problemas e necesidades de saúde da poboación. Descoñécense as necesidades de persoal e de prazas de medicina, familiar, pediatría, enfermería e do resto de persoal dos equipos. O envellecemento dos profesionais (máis da metade teñen máis de 60 anos), a falta de plans para repoñer a xubilación masiva nos próximos anos e o mantemento da taxa de reposición nas convocatorias de novas prazas poñen en perigo a sustentabilidade do sistema a medio prazo.

O desprestixio e as malas condicións laborais da AP fan pouco atractiva esta especialidade

As prazas de formación de novos profesionais de medicina familiar, pediatría, enfermería, etc. son insuficientes. A falta de recursos e de persoal titor impide a acreditación de centros de saúde onde formar o novo persoal. O desprestixio e as malas condicións laborais da AP fan pouco atractiva esta especialidade e explican por que unha parte importante dos novos médicos elixen outras especialidades.

Así, os dous principais riscos para a supervivencia da AP son que:

—A poboación acepte resignada unha Atención Primaria baseada na beneficencia para os máis pobres e abandone as protestas, buscando refuxio nos seguros privados de baixo custo (que teñen listas de espera de semanas, consultas telefónicas e que racionan as probas diagnosticas ou as intervencións cirúrxicas). Os enfermos graves son enviados á sanidade pública.

—Persoal sanitario se desmoralice e se desentenda das necesidades dos seus pacientes ou escape á privada ou a 
outros países.

En resumo, é necesario e urxente para frear o desmantelamento e privatización da Atención Primaria galega poñer en marcha un plan extraordinario que elabore de maneira consensuada coa poboación e o persoal de AP un novo modelo de Atención Primaria comunitario, sostible, desmedicalizado, racional e equitativo.