As mortes por cancro que poderían evitarse: así afectan o tabaco e o alcol

O cancro de traquea, bronquios e pulmón representou 37% das mortes por cancro atribuíbeis a factores de risco. (Foto: Europa Press)
Un estudo publicado na revista científica 'The Lancet' sinala que os factores de risco foron os causantes de até 4,45 millóns de mortes por cancro no mundo en 2019. Os homes o triplo de propensos que as mulleres a desenvolver un cancro mortal por alcolismo e tabaquismo.

O tabaquismo, o consumo de alcol, o alto índice de masa corporal (IMC) e outros factores de risco foron responsábeis de 4,45 millóns de mortes por cancro no mundo en 2019, isto é, case a metade do total, segundo unha nova investigación publicada nesta sexta feira na revista científica The Lancet.

"Este estudo ilustra que o cancro segue a ser un importante reto para a saúde pública que está a medrar en magnitude en todo o mundo. O tabaquismo continúa como o principal factor de risco de cancro en todo o mundo, aínda que hai outros factores importantes que contribúen á carga do cancro", comentou o doutor Christopher Murray, director do Instituto de Métrica e Avaliación Sanitaria da Facultade de Medicina da Universidade de Washington e coautor do estudo.

Utilizando os resultados do informe Global Burden of Diseases, Inxuries, and Risk Factors (GBD) 2019, os autores investigaron como 34 factores de risco de conduta, metabólicos, ambientais e ocupacionais contribuíron ás mortes e a mala saúde por até 23 tipos de cancro diferentes en 2019. Entre 2010 e 2019, as mortes por cancro debidas a factores de risco aumentaron 20,4% a nivel mundial, pasando de 3,7 millóns a 4,45 millóns. A mala saúde debida ao cancro aumentou tamén 16,8% no mesmo período, pasando de 89,9 millóns a 105 millóns de anos de vida axustados por discapacidade (AVAD).

Os riscos metabólicos representaron o maior aumento porcentual das mortes por cancro e a mala saúde, cun aumento de falecementos de 34,7% —de 643.000 mortes en 2010 a 865.000 en 2019—. Os factores de risco de conduta, como o consumo de tabaco e alcol, as relacións sexuais de risco e os riscos dietéticos, foron responsábeis da meirande parte dos cancros a nivel mundial, representando 3,7 millóns de mortes.

Case 2,88 millóns de mortes en homes —50,6% de todas as mortes por cancro en homes— poderían atribuírse aos factores de risco estudados, en comparación con 1,58 millóns de mortes en mulleres —36,3% de todas as mortes por cancro en mulleres—. Os principais factores de risco globais de morte por cancro e mala saúde para ambos os sexos foron o tabaquismo, seguido do consumo de alcol e o elevado IMC.

A principal causa de morte por cancro atribuíbel a factores de risco, tanto en homes como en mulleres, foi o cancro de traquea, bronquios e pulmón, que representou 36,9% de todas as mortes por cancro atribuíbeis a factores de risco. Seguírono o cancro de colon e recto (13,3%), o cancro de esófago (9,7%) e o cancro de estómago (6,6%), nos homes, e o cancro de colo de útero (17,9%), o cancro de colon e recto (15,8%) e o cancro de mama (11%), nas mulleres.

Diferenzas de xénero

Os investigadores acharon diferenzas en homes e mulleres en dúas categorías principais: riscos de comportamento e riscos ambientais e laborais. A respecto dos riscos de conduta, os homes (33,2%) tiñan case catro veces máis AVAD de cancro atribuíbles ao tabaquismo que as mulleres (8,9%). En canto ao consumo de alcol, os homes (7,4%) tiñan máis do triplo de AVAD por cancro que as mulleres (2,3%). O maior número de AVAD por cancro nos homes pode deberse a que os homes son máis propensos a fumar e beber que as mulleres, sostén o estudo.

Ao examinar os riscos ambientais e laborais, os investigadores descubriron que os AVAD por cancro eran tres veces máis elevados entre os homes (3,9%) que entre as mulleres (1,3%), o que suxire que os homes poden ser máis propensos que as mulleres para traballar en lugares con maior risco de estar expostos a axentes carcinóxenos.

En 2019, as mortes por cancro (25,4%) e as mortes por cancro atribuíbles ao risco (26,5%) a nivel mundial producíronse de forma desproporcionada nos países cun nivel sociodemográfico alto, aínda que estes países só representaban 13,1% da poboación mundial. As cinco rexións con maiores taxas de mortalidade por cancro debida a factores de risco foron Europa Central (82,0 mortes por cada 100.000 habitantes), Asia Oriental (69,8), América do Norte (66,0), América Latina (64,2) e Europa Occidental (63,8).

Os patróns de mortes por cancro e mala saúde debidos a riscos ambientais e laborais, de conduta e metabólicos difiren en todo o mundo, sendo as relacións sexuais sen protección un factor de risco principal de mala saúde nos lugares situados no extremo inferior do espectro do nivel sociodemográfico.