Mobilidade

Estes son os catro radares que máis multan na Galiza

O radar da autovía A-55 ao seu paso por Mos é un dos que máis multan a nivel estatal. (Foto: Google)
Atópanse na listaxe dos 50 con maior número de denuncias cursadas en todo o Estado español ao longo do pasado ano.

A listaxe de 50 radares fixos e de tramo que impuxeron máis multas en todo o Estado español ao longo do pasado ano inclúe catro situados na Galiza: dous na autovía A-55 ao seu paso por Mos (comarca de Vigo), un na A-8 entre Abadín e Mondoñedo (Terra Chá e A Mariña, respectivamente) e outro na AC-11, na cidade da Coruña.

De acordo coa listaxe publicada esta quinta feira pola organización de defensa dos condutores e condutoras Automobilistas Europeos Asociados (AEA), un dos situados da A-55 é o oitavo dispositivo a nivel estatal en número de denuncias, con 42.366 en todo 2022. En concreto, é o que está situado no quilómetro 9,19 desta vía, en Mos.

O segundo radar máis 'multón' da Galiza —ocupa a posición 32ª no ranking estatal— está neste mesmo municipio e nesta mesma estrada, mais á altura do quilómetro 11,7. O pasado ano impuxo 17.751 infraccións.

O terceiro —número 35 en todo o Estado— que máis denuncias puxo na Galiza, con 16.352, foi o radar de tramo instalado no quilómetro 545,1 da A-8, entre os municipios de Abadín e Mondoñedo.

Finalmente, o cuarto dispositivo do país incluído nesta listaxe —posición 37ª no conxunto do Estado español— trátase do situado na Avenida Alfonso Molina da Coruña (AC-11, quilómetro 3), con 15.644 infraccións detectadas.

A maioría das infraccións, en autoestradas e autovías

En total, en todo 2022 máis de 1.000 radares da Dirección Xeral de Tráfico (DXT) formularon case catro millóns de denuncias no Estado español, o que supón un incremento de 21,2% a respecto do ano 2021, segundo revela un estudo realizado pola organización AEA.

Neste senso, o informe constata que os radares máis activos se localizaron en Andalucía, con 953.422 denuncias formuladas (o 25,7% do total); seguida do País Valencià, con 447.470 (12%) e Castela e León, con 427.448 (11,5%), mentres que os radares situados na Rioxa (39.757), Nafarroa (83.231) e Asturies (83.993) son os que menos denuncias contabilizaron.

O estudo tamén destaca que só 50 radares dos máis de 1.000 que dispón a DXT formularon case un terzo(28%) do total de denuncias (1.036.054) e que, deles, 33 xa aparecían no ranking de cinemómetros máis activos do ano anterior.

"A DXT debería reformularse a súa política de radares, xa que non se está conseguindo o obxectivo de evitar os excesos de velocidade, nin os accidentes, convertendo os radares en meros instrumentos de recadación", detallou o presidente da AEA, Mario Arnaldo, após coñecer que o número de denuncias formuladas son "maioritariamente" en autoestradas e autovías e non nas estradas secundarias, onde se producen 70% dos accidentes con vítimas.