Catro protestos contra o Goberno do PP de Compostela 'amenizan' o pleno municipal

[Imaxes: Amaía]

Ducias de persoas concentráronse na praza do Obradoiro polo dereito ao aborto, contra a corrupción, pola devolución do diñeiro estafado en preferentes e contra a retirada da subvención a unha agrupación musical da cidade


Até catro protestos de catro colectivos amenizaron desde a praza do Obradoiro o pleno que a corporación municipal de Compostela realizou no interior do edificio de Raxoi.

Polo dereito ao aborto

A Plataforma galega polo dereito ao aborto convocou alí unha concentración para exixir o dereito das mulleres á interrupción voluntaria do embarazo cadrando coa presentación dunha moción do grupo municipal do PSdG que o PP, ca súa maioría no pleno, rexeitou debater. Porén, o goberno municipal aínda esta fin de semana organizou un acto "pola familia" en que convidou, entre outras organizacións, o grupo antiabortista Red Madre. 

Pola recuperación do diñeiro secuestrado en preferentes

Como vén acontecendo desde hai meses, tamén @s estafad@s polas preferentes transladaron alí as súas reivindicacións. Desta volta, a plataforma de Compostela e comarca estivo acompañada pola plataforma da Estrada. Seis persoas da primeira e dúas da segunda tiñan autorización para entrar no salón de plenos. "Xa empezaran, ían polo cuarto punto de dezasete e decidín intervir", contou Patricia Carnota, quen pediu a palabra e lle foi negada polo alcalde, Ángel Currás, situación diante da cal ela seguiu falando. 

Levou o acordo polo que o Concello se comprometía a traballar por unha solución para as vítimas do calote "e ao que non lle están a facer caso" e quixo recibir tamén unha explicación pola dupla votación do PP o 28 de maio perante senllas mocións do Bloque no Parlamento galego --onde se posicionaron en prol de mudar a lei e que @s estafad@s recuperen os seus aforros integramente-- e no Congreso en Madrid --onde, perante a mesma proposición, se posicionarion en contra. 

"Quixemos reclamar un pleno extraordinario onde o alcalde nos escoitase" e foron despexad@s do salón de plenos pola forza. No concreto, Patricia Carnota foi identificada pola policía e ameazada de maneira verbal cunha multa e catro anos de prisión.

"Pedinlle que me entregase a amonestación por escrito e dixo que xa me chegaría á casa", explicou. Porén, após unha xuntanza co responsábel de seguranza, o Concello anunciou que non pesentará ningunha demanda. Ela insistiu en que desta volta "non queriamos rebentar o pleno, só exixir respostas".

Contra a corrupción e pola disolución da corporación municipal 

Pola súa banda, a organización política Candidatura do Povo aproveitou para reclamar a disolución da corporación municipal e a convocatoria adiantada de eleccións, petición que tamén ten feito o Bloque de Compostela, após coñecérense as dúas últimas imputacións doutros tantos concelleiros dun PP que goberna con maioría absoluta: Juan de la Fuente por falsificar facturas coas que asociacións veciñais próximas a este partido cobraban subvencións do Concello; e Adrián Varela na operación Pokemon contra a corrupción.

En total, son seis edís imputad@s @s que leva acumulad@s a formación conservadora, d@s 13 que fan parte da corporación. Ao respeito, o grupo do Bloque acudiu ao pleno vestido de riguroso loito en sinal de protesta pola situación en que se atopa o Goberno municipal. 

Contra a retirada da subvención a unha agrupación musical local

A derradeira das concentracións diante do Concello protagonizárona @s integrantes da agrupación musical Solfa, que ficou discriminada no reparto de axudas municipais a entidades culturais. En sinal de rexeitamento contra a retirada da subvención e tamén do peche nas segundas feiras do centro sociocultural do barrio das Fontiñas, "xustamente o día que máis actividade temos", Solfa organizou un concerto reivindicativo que se misturou coas bucinas d@s estafad@s, os berros contra a corrupción municipal e os cánticos en prol do dereito ao aborto.