Catro persoas a xuízo por se opor ao despexo dunha familia en Compostela

Despexo de Aríns

Están acusadas de resistencia e desobediencia á autoridade. Sop-Desafizamentos afirma que os atestados policiais polos que van a xuízo están “cheos de falsidades”. En marcha unha campaña de auto-inculpación.

 

O 19 de setembro Carlos e María, os seus dous fillos e a súa aboa foron expulsos da súa casa na parroquia de Aríns (Compostela) da casa onde vivían e que eles propios construíran. Ducias de antidisturbios participaron no operativo nunha xornada na que; para apoiar á familia, case un cento de solidari@s se concentraron preto da vivenda. A raíz da mobilización contra este despexo catro persoas van ser xulgadas acusadas de desobediencia á autoridade e de resistencia según informa Stop-Desafiuzamentos-Compostela. Ademais, outras dúas persoas foran multadas.

“Sabemos que coas multas se pretende minar ao colectivo pero ademais 4 de nós imos ser xulgados o día 28 de xaneiro. O atestado policial que leva a este xuízo está chea de falsidades e estase a estudar a posibilidade de denunciar os que o elaboraron”. Este colectivo impulsa unha campaña de auto-inculpación baixo o lema ‘Eu tamén estiven en Aríns’ en solidariedade e apoio ás catro persoas que van ser xulgadas este 28 de xaneiro.