PAC do Porriño

Catro médicos que obrigatoriamente teñen que facer o traballo de oito

“Dun tempo para acá, a carencia de persoal e a incapacidade do Sergas para atopar substitutos […] converteu a vida do persoal aínda dispoñible nun auténtico inferno”, denuncian os facultativos deste Punto de Atención Continuada.

“O PAC do Porriño é centro con maior presión asistencial da área de Vigo fóra do núcleo urbano principal. Habitualmente desempeña a súa función cunha gran infradotación de medios: tanto o persoal como o espazo do que se dispón é claramente insuficiente para a presión asistencial que soporta. Aínda así, grazas ao esforzo e enorme profesionalidade dos seus traballadores, ata a data demostrou ser resolutivo e eficaz”.

 

Así comeza a nota de prensa enviada por sete médicos deste Punto de Atención Continuada (PAC). Un lugar onde o servizo se presta en equipos de dous médicos e dous enfermeiros que fan gardas de 17 ou 24 horas cada catro días. “Isto é, hai oito prazas de médico e oito de enfermería previstas, e con esta rotación cóbrense todos os días do ano, incluíndo todas as noites, fins de semana e festivos”. Era, como recoñecen os facultativos “un traballo duro pero levadeiro”. Porén, as cousas varían: “Dun tempo para acá, a carencia de persoal e a incapacidade do Sergas para atopar substitutos estando obrigados a prestar asistencia igualmente, converteu a vida do persoal aínda dispoñible nun auténtico inferno”.

 

Unha serie de circunstancias (excedencias, vacacións, Baixas…) fan que o PAC vaia ter 4 profesionais médicos menos. Ou sexa, “Catro médicos pasarán de modo obrigatorio a levar a cabo o traballo que viñan realizando oito”.  Esta situación, que debera ser excepcional, afirman os facultativos,  é a segunda vez que ocorre en dous meses. “Tamén debera ser excepcional que o servizo quede descuberto, como ocorreu o pasado 17 de novembro durante dúas horas ao non ser cuberta unha ausencia prevista por vacacións”.

 

Os médicos din que se senten “co deber e a responsabilidade” de informar á poboación desta situación. “Cando acuda por unha urxencia ao PAC de Porriño nos próximos días debe saber que vai ser atendido por profesionais extenuados tanto física, pola dureza das quendas que se están vendo obrigados a soportar, como psicoloxicamente por non saber cando vai terminar esta situación”.