Catro investigados por destruír unha mámoa de 6.000 anos no Irixo

O Seprona investigou os feitos a raíz dunha denuncia dunha asociación.

Catro persoas están investigadas por un delito sobre o patrimonio histórico acusadas de destruír unha mámoa de 6.000 anos de antigüidade no Irixo, na comarca do Carballiño. O Servizo de Protección da Naturezas (Seprona) da Garda Civil investigou os feitos a raíz da denuncia presentada por un representante dunha asociación ambientalista Mámoa Verde.

 

Os presuntos responsábeis dos danos son tres membros da Comunidade de Montes e o operario que realizou os traballos para unha plantación de piñeiros empregando maquinaria pesada.

 

Segunda a denuncia, a mámoa, coñecida como Túmulo de Barro, foi totalmente destruída por eses traballos, que tamén danaron os túmulos da Bugalleira. Todas estaban incluídas no Catálogo de Bens Culturais de Galiza. As obras, informa o instituto armado, non dispoñían de permisos do Servizo de Patrimonio nin do Concello do Irixo.

 

Nos últimos meses rexistráronse diversas denuncias por danos e estragos en bens do patrimonio galego. A finais do pasado mes de febreiro, Patrimonio dos Ancares denunciou que traballos da industria forestal estragaran nove mámoas e dolmens en catro necrópoles dos Ancares.