Catro horas de atraso nun voo de Madrid a Compostela por un posíbel contaxio de coronavirus

O pasaxe tivo que permanecer en Madrid, dentro do avión, catro horas.
Máis de catro horas de atraso sufriu o voo que comunica Madrid con Compostela na tarde de onte, polas sospeitas de que unha das persoas que prevía viaxar, procedente de Italia, podía estar infectada por coronavirus.

Así se lle comunicou á pasaxe unha vez dentro do avión, onde permaneceu en espera da autorización para realizar a conexión, que demorou desde a hora prevista, 19.45 horas, até a media noite. 

O protocolo activouse, segundo relata un dos viaxeiros, polo malestar dun menor que formaba parte dunha excursión procedente de Roma. O aviso fixo que se obrigase a embarcar a toda a pasaxe, incluída a excusión, agás o rapaz. 

Como indica, foi o comandante quen foi proporcionando a información que se lles deu até que, en determinado momento, apareceu persoal do Ministerio de Sanidade no avión, protexido con máscaras e traxes, para informar dos protocolos a seguir polo risco de contaxio. 

Finalemente, o voo puido despegar e chegou pasada a unha da madrugada a destino, sen que as persoas viaxeiras fosen sometidas a ningún tipo de control médico, máis alá de deixar os seus datos documentados e a consigna de chamar ao 112 ante a eventual aparición dalgún síntoma.