Envorca un microbús sobre as rochas de Cabo Silleiro, en Baiona, e deixa catro persoas feridas

O autobús acabou contra as rochas de Cabo Silleiro. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
"Do grave que puido ser, finalmente quedou nun gran susto", dixo o alcalde de Baiona.

Un microbús saíuse da estrada e acabou envorcado sobre unha zona de rocas na contorna de Cabo Silleiro, en Baiona (comarca de Vigo). As catro persoas que viaxaban no vehículo, tres pasaxeiras e mais a condutora, resultaron feridas de diferente consideración, pero as súas vidas non corren perigo.

Segundo informaron a Europa Press fontes do 112-Galiza, ocorreu pasadas as 10 horas da mañá no punto quilométrico 22 da PO-552, en Baredo. Ao parecer, a condutora perdeu o control do microbús na curva e acabou envorcado nunha posición inestábel.

Das catro pasaxeiras, todas elas mulleres, de acordo con fontes do 061-Urxencias Sanitarias, cando menos dúas necesitaron material de excarceración para ser liberadas e presentaban feridas de maior gravidade. Posteriormente, as catro serán trasladadas a centros sanitarios.

Pola súa parte, o alcalde de Baiona, Carlos Gómez, explicou que o microbús quedou detido no primeiro peñasco das rocas, indicando en declaracións a Europa Press que se se chega a desprazar máis "a desgraza podía ser maior".

Das catro ocupantes do vehículo, dúas resultaron feridas leves e dúas, graves, aínda que as súas vidas non corren perigo. "Do grave que puido ser, finalmente quedou nun gran susto", engadiu o rexedor.

O autobús sinistrado, de 34 prazas, realizaba o roteiro Baiona-A Guarda no momento do suceso. Para a atención dos feridos desprazouse até o lugar un médico de Baiona-Nigrán e ambulancias medicalizadas de Vigo.

Tamén foi necesaria a intervención da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local, dos Bombeiros de Baixo Miño, do GES do Val Miñor e de Protección Civil, e deuse aviso aos bombeiros de Vigo por se se precisaba a súa colaboración.