O Salnés

Catro mozos feridos, un deles ingresado na UCI, ao caer dun balcón que cedeu en Sanxenxo

Estado no que quedou o balcón. (Foto: Europa Press)
Os rapaces, de entre 18 e 19 anos e naturais de Madrid, precipitáronse ao patio de luces do edificio, situado na rúa Madrid.

Catro mozos resultaron feridos, un deles moi grave, após caeren dun balcón que cedeu nun edificio en Sanxenxo (O Salnés). O incidente produciuse pouco antes da 1h da madrugada desta quinta feira nun primeiro piso da rúa Madrid, ao ceder a varanda na que estaban apoiados.

Fontes do Concello de Sanxenxo, apuntan que os mozos, naturais de Madrid, caeron ao patio de luces do edificio. Até o lugar, desprazáronse efectivos de Urxencias Sanitarias da Galiza-061, dos Bombeiros de Ribadumia, do GES de Sanxenxo, da Policía Local e da Garda Civil.

En relación a este caso, desde o 061 confirmaron que contra as 00.45 horas desta pasada madrugada recibiron o aviso. Ao citado inmóbel acudiron unha ambulancia asistencial de soporte vital avanzado, outras tres de soporte vital básico e persoal sanitario do centro de saúde de Sanxenxo.

Un dos mozos, de 18 anos, foi atendido e dado de alta no mesmo lugar; porén, outro da mesma idade, que se atopaba en estado grave, foi trasladado ao Hospital Clínico de Santiago e ingresado na UCI, e os outros dous, de 19 anos, ao Hospital de Montecelo de Pontevedra.

Estes dous últimos están "estábeis", segundo precisan fontes do Sergas citadas pola axencia Europa Press. Un está en cirurxía, con contusión pulmonar e varias fracturas costais, e o outro presenta un traumatismo craneoencefálico leve e unha pequena fractura na omoplata.

Mozos de vacacións

Trátase dunha vivenda da rúa Madrid de Sanxenxo, na primeira planta do número 78, no que estaban oito amigos pasando uns días de vacacións. O inmóbel, sinalan fontes municipais, é propiedade dun deles. Tras o sucedido, o arquitecto municipal desprazarase até o edificio para realizar as comprobacións urbanísticas pertinentes do resto de balcóns.