Catro docentes da USC esixen que se ''reconsidere'' a tala de 178 árbores en Sarria

CC SA-BY Plataforma Sarriá

A desaparición deses ameneiros fai parte do proxecto de encauzamento do río que ten en marcha a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, dependente do ministerio de Medio Ambiente.

 

Os posicionamentos en contra da tala masiva de árbores que o ministerio español de Medio Ambiente quere acometer no bosque de ribeira do río Sarria a través dun plan de encauzamento preparado pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil non deixan de se suceder.

Desta volta foron catro docentes da Universidade de Santiago de Compostela @s que pediron que as actuacións previstas "se reconsideren e se reorienten" para que non se execute a "inxustificada e cuestionábel" tala de ameneiros "que quebrantará a naturalidade dunha contorna privilexiada". 

A demanda vai asinada polos docentes María Isabel Iglesias, Antonio Rigueiro, Santiago Lamosa e Guillermo Riesco e foille remitida directamente á Confederación Hidrográfica, á dirección xeral de Conservación da Natureza, á subdirección xeral de Recursos Florestais e á dirección xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Os proxectos de encauzamento ''van quedando anticuados''

No texto, @s docentes --pertencentes aos departamentos de Produción Vexetal e Enxeñaría Agroflorestal do campus universitario de Lugo e un deles, Rigueigo, unha referencia en materia arbórea a nível estatal-- sosteñen que o proxecto tal e como está redactado obriga a cortar 178 ameneiros, unha especie autóctona en risco de desaparecer das marxes dos ríos "por mor dunha enfermidade". 

Aliás, destacan que as árbores "contribúen a mellorar de maneira moi significativa a calidade ambiental" da vila e fixeron fincapé en que o bosque de ribeira está protexido pola Directiva Hábitat, da Rede Natura. Por derradeiro, informan ao ministerio español de que os encauzamentos de cursos de auga "van quedando anticuadas nas sociedades avanzadas en aspectos ambientais", onde estas actuacións se mudan por outras "respectuosas co medio e coa paisaxe".