Catro días de arresto por unha pintada en defensa do dereito ao aborto

Dani Carballada

Un concelleiro en Cambre e un militante do BNG foron condenados por un Xulgado da Coruña por unha acción nun muro en xaneiro de 2014. O Bloque medita crear unha ''caixa de resistencia'' ante as ducias de militantes multados e sancionados.

Dani Carballada e David Neira, concelleiro do BNG en Cambre e militante da fronte nacionalista, foron condenados por un xulgado da Coruña a 4 días de arresto domiciliario por realizar unha pintada nun muro da Nacional VI en xaneiro de 2014 contra a lei do aborto que preparaba o PP.

A sentencia non fixa ningunha sanción económica (como solicitaba o ministerio Público) pois considera que non houbo “responsabilidade de dano patrimonial”. Para os condenados, con esta resolución procúrase a “estigmatización e criminalización social”.

Para o portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, esta situación é mais propia “do franquismo que dunha democracia”, e considera que este tipo de resolucións o que procuran é facer que a poboación “non proteste”. Jorquera dixo sentirse “orgulloso” dunha organización que ten ducias de militantes e cargos multados ou denunciados por mobilizarse e protestar na defensa de dereitos sociais e nacionais.

O portavoz do BNG no Parlamento mesmo sinalou que a formación estuda crear unha “caixa de resistencia” para facer fronte a esas situacións.