Catro detidos, un deles galego, nunha lancha cargada con cinco toneladas de cocaína en Guinea

Lancha semirrígida interceptada no Golfo de Guinea con 5 toneladas de cocaína a bordo. (Foto: Policía Xudicial de Cabo Verde)
Os detidos xa compareceron ante un tribunal e mostráronse a favor de seren extraditados ao Estado español, trámite que deberán esperar en prisión preventiva.

Unha patrulleira da mariña francesa interceptou o pasado 6 de decembro en augas do Golfo de Guinea unha lancha semirríxida con catro cidadáns residentes no Estado español a bordo, polo menos un deles galego, e na que se transportaban máis de cinco toneladas de cocaína, segundo informaron a Prefectura Marítima do Atlántico (Francia) e a Polícia Judiciária de Cabo Verde.

O organismo francés detallou que o operativo, bautizado como Operación Corymbe, organizouse en coordinación coa Fiscalía de Brest, e apuntou que a Oficina Antidroga de Francia (OFAST) e a Axencia de Intelixencia Francesa (DNRED) solicitaron a intervención da Armada francesa tras recibir información do Centro de Análise e Operacións Marítimas (Estupefacientes) de Lisboa, da DEA estadounidense e da propia DNRED.

Así, o pasado 6 de decembro unha patrulleira, co apoio dun dron de vixilancia marítima, abordou a embarcación sospeitosa á primeira hora da tarde, fronte ás costas africanas. Na lancha, duns 15 metros de eslora e dotada con catro motores, atopáronse 5.132 quilos de cocaína —valorada nuns 330 millóns de euros—, e foron detidos tres días despois os seus ocupantes por parte das autoridades de Cabo Verde no porto de Praia, capital do país.

A Fiscalía de Brest puxo en coñecemento da Fiscalía española os detalles do operativo e as detencións, ao abeiro do artigo 110 da Convención de Nacións Unidas sobre o Dereito Marítimo. A Policía Judiciária de Cabo Verde, pola súa parte, informou de que os detidos xa compareceron ante un tribunal e mostráronse a favor de seren extraditados ao Estado español, trámite que deberán esperar en prisión preventiva.

Aliás, sinalou que estas persoas, con antecedentes por narcotráfico, "estaban a ser buscadas polas autoridades competentes" e que estaban "marcadas en vermello" na base da Interpol, a pedimento das autoridades españolas.