Catro de cada dez condutores incumpren os límites de velocidade na Coruña

Este ano entraron en funcionamento dez radares pedagóxicos na Coruña. (Foto: Nós Diario)
Os radares pedagóxicos habilitados na cidade reflectiron velocidades máximas de até 122 quilómetros por hora en lugares limitados a 50.

Catro de cada dez condutores incumpren os límites de velocidade na cidade da Coruña, segundo apuntou esta cuarta feira a alcaldesa, Inés Rei, facendo balance dos datos correspondentes aos radares pedagóxicos habilitados polo Concello. Con base nestas cifras, a rexedora fixo un chamamento a cumprir a normativa.

"O obxectivo non é a sanción, é a concienciación", sinalou, despois de que datos recolleitos polo Centro Integral de Mobilidade nos paneis pedagóxicos habilitados na cidade reflectisen máximos de até 122 quilómetros por hora en lugares limitados a 50.

Estes radares, subliñou, "teñen unha función disuasoria". Rei precisou que "non sancionan os e as condutoras de vehículos, pero son necesarios para concienciar a cidadanía sobre a importancia de reducir a velocidade nas vías interurbanas".

Este ano entraron en funcionamento dez radares pedagóxicos na Coruña. Tres dos dispositivos están situados en avenidas ou rúas onde o paso de vehículos é intenso e habitual, en enclaves onde está definida unha velocidade máxima de 50 quilómetros por hora como son as avenidas de Alfonso Molina, Pedro Barrié de la Maza e A Habana. Hai outros sete radares perto de centros educativos.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rei, hoxe, en rolda de prensa. (Foto: Andy Pérez)

Plan da Torre de Hércules

Noutra orde de asuntos, a alcaldesa informou da aprobación, na Xunta de Goberno local, do inicio da avaliación ambiental estratéxica para tramitar o plan especial de protección e reforma interior da Torre de Hércules. Trátase dunha iniciativa necesaria para a ordenación e protección do parque da Torre e a súa contorna.

"O deseño urbanístico deste espazo é anterior ao ano 2009, cando a Torre foi declarada Patrimonio Mundialpor a Unesco, unha declaración que supuxo un importante condicionante para os plans urbanísticos previos que temos a intención e a obriga de modificar para manter o monumento como un referente que é", salientou.