As vítimas do Alvia marchan en Compostela para exixir “verdade, xustiza e reparación” no cuarto aniversario do sinistro

Fotos: Bea Gutiérrez

A manifestación silenciosa partiu da estación de tren e finalizou na Praza do Obradoiro. O presidente da plataforma de vítimas, Jesús Domínguez, destacou a esperanza das vítimas ao se estar a “desmontar” a “verdade oficial” que “o goberno español” quixo facer circular.

“Estamos aquí, catro anos despois, e un pouco máis contentos porque Unión Europea, Audiencia Provincial e xuíz desmontan a verdade oficial do goberno, con Ana pastor á cabeza”. Jesús Domínguez, presidente da Platafarma de Vítimas do Alvia, lembraba na estación de tren de Santiago e momentos antes da saída da mobilización que após estes catro anos de duro camiño polo deserto comezan a ver signos positivos. Como a petición de Bruxelas dunha nova investigación ou a posibilidade de se crear unha comisión de investigación no Congreso sobre o sinistro ferroviario.

Ducias de persoas participaron esta segunda feira na marcha convocada pola plataforma de vítimas con motivo do cuarto aniversario do accidente de Angrois, no que faleceron 80 persoas e 144 resultaron feridas. “É un día de lembranza mais tamén de pedir que se depuren responsabilidades”, manifestaba Gutiérrez, ao tempo que un familiar explicaba que “non precisamos compaixón, precisamos xustiza”.

 

A mobilización percorreu varias rúas do Ensanche compostelán para se adentrar despois na zona vella e desembocar no Obradoiro, onde se procedeu á lectura do manifesto. A marcha realizou todo o traxecto en silencio, en memoria dos falecidos, só roto polos aplausos de veciños e, ao entrar no Obradoiro, pola petición de “Verdade, xustiza e  reparación”.

 

As vítimas e as súas familias estiveron arroupados por representantes de todas as forzas políticas do arco parlamentar galego agás o PP, como destacaban desde a propia plataforma. Luís Villares, portavoz de En Marea, incidiu en que esta formación vai estar “até o final” a carón das vítimas e na “procura da verdade”. Tamén de En Marea, Alexandra Fernández, denunciou que catro anos despois do accidente, o sistema de seguridade ERTMS continúa sen estar instalado na liña do accidente.

Ana Pontón, portavoz do BNG, cualificou de “indecente” que catro anos despois do sinistro non estea constituída a comisión de investigación, que o xulgado continúe a tramitar o xuízo e que o ERTMS non estea instalado. E, para poñer o ramo, duran te todo este tempo “o único que fai” o presidente da Xunta é “buscar excusas”. Pontón considera “desolador” ver nestes anos a “falla de respecto” do goberno español e galego “cara ás vítimas e o país”, indicando que en “ningún estado democrático” que se preze acontecerían estas situacións. De por parte, Ana Miranda, representante nacionalista perante a UE, incidiu en que “imos chegar até o final, non pararemos” até que se coñeza toda a verdade e se depuren responsabilidades. Fernández Leiceaga (PSdeG) pediu que na data de hoxe “todo o protagonismo” fose para as vítimas e as súas familias e solicitou que “se coñeza toda a verdade sobre o accidente”.