Catorce concellos no máximo de alerta na Galiza pola Covid

Mapa 'semáforo' (Imaxe: Xunta)

O Barco volve estar en alerta vermella, mentres Nigrán e Poio saen un día despois de entrar.

 

O número de concellos galegos no nivel máximo de alerta, o 3, pola incidencia do coronavirus na última semana descende a 14, ao volver activarse esta terza feira no Barco de Valdeorras e ao saír os de Poio e Nigrán tan só un día despois de entrar en vermello.

Ademais, segundo consta no mapa 'semáforo' actualizado diariamente pola Consellería de  Sanidade, continúan no nivel 3 pola pandemia os concellos de Ourense, Santiago, Arteixo, A Laracha, Narón, Culleredo, Ordes, Ames, Vilagarcía de Arousa, O Carballiño, Barbadás, Verín e Cangas  do Morrazo.

A entrada no nivel máximo de risco de todas estas localidades implica que detectaron máis de 21 casos de coronavirus no últimos sete días, fóra de Ourense e Santiago.

Estas dúas, ao ter máis de 50.000 habitantes, están en alerta vermella por sumar máis de 120  contaxios, no caso da cidade ourensá, e máis de 112 na capital galega.

Mentres, en situación 2 -no nivel laranxa do mapa- sitúanse 19 concellos, dous máis que onte, dos que 15 repiten con respecto á última actualización de datos: Vigo, A Coruña, Pontevedra, Lugo, Ferrol, Fene, Oleiros, Carballo, Mesía, Teo, Vilanova de Arousa, Gondomar, O Porriño, Salvaterra de Miño e Boborás.

Así, os cinco que se suman á alerta laranxa son os concellos A Estrada, Tui e Marín, por empeorar a incidencia a sete días; e Poio e Nigrán, que o fan despois de que esta segunda feira entrasen no nivel vermello.

Pola súa banda, abandonan a situación 2 Pereiro de Aguiar --agora está en nivel 1, en amarelo-- e O Barco de Valdeorras -acaba de subir ao nivel 3-. En cor laranxa inclúense municipios de máis de 50.000 habitantes con 56 e 111 casos novos de COVID-19 á semana por 100.000 habitantes e nos de menor poboación que presenten entre 14 e 20 casos.