Catarina Martins sitúa "o público" como chave do modelo portugués de xestión do coronavirus

Catarina Martins durante a súa intervención na palestra (Foto: Nós Diario).
A portavoz do Bloco de Esquerdas protagonizou unha palestra dixital con Ana Pontón no marco do ciclo Diálogos desde a periferia, organizado pola Fundación Galiza Sempre.
 

A Fundación Galiza Sempre organizou durante a xornada de hoxe unha palestra dixital protagonizada pola portavoz do Bloco de Esquerdas portugués, Catarina Martins, e a súa homóloga do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, no marco do ciclo Diálogos desde a periferia

Baixo o título A xestión da COVID-19 vista desde Galiza e Portugal: Expectativas de futuro, durante a case hora e cuarto que se estendeu o encontro as representantes políticas disertaron sobre as consecuencias da pandemia en ambos os países, e mesmo responderon ás preguntas dos e das cidadáns que interviron a través da caixa de comentarios do Facebook.

A xestión da crise provocada pola pandemia do coronavirus monopolizou a conversa, mais tamén tiveron tempo de afondar en temas transversais, como a consecuente crise económica ou a necesidade de "reforzar o público" como ferramenta "fundamental" para que, en caso de rebrote, o seu impacto non acade as magnitudes provocadas pola primeira vaga, idea na que coincidiron tanto Martins como Pontón.

"Milagre" portugués

A deputada portuguesa explicou que "o público" foi a chave do modelo de xestión portugués da crise do coronavirus, cualificado por varios medios internacionais mesmo de "milagre".

 "O Servizo Nacional de Saúde foi moi importante para o Bloco de Esquerdas durante a última lexislatura, que se ben non é perfecto logo de moitos anos de recortes -apostilou- permitiu dar unha resposta coherente e rápida a toda a poboación".

Ademais, Catarina Martins eloxiou a "resposta social" do pobo portugués: "Cando desde o Goberno se fecharon as escolas, xa había pais e nais que non levaban as crianzas á escola; os traballadores e traballadoras facían presión para que fecharan as súas empresas... temos unha poboación que esixiu moi cedo que se tomasen medidas".

Na mesma liña, Ana Pontón tamén gabou o "respecto" ás medidas decretadas polas autoridades sanitarias da cidadanía, mais mostrouse crítica cos Gobernos galego e español por non ter "nin anticipación nin previsión, como demostra o feito de que o presidente da Xunta -Alberto Núñez Feixoo-, convocase un adiantamento electoral, o que fixo que tivésemos un Executivo centrado non na loita contra a COVID-19, senón na campaña do Partido Popular. Iso, en termos éticos e políticos, é moi reprobable".

“A COVID-19 puxo o foco sobre aspectos como a privatización das residencias de maiores, que foron auténticas zonas cero”, indicou Ana Pontón, facendo fincapé nun sector, o das residencias, que tamén se viu moi afectado no país luso, onde se produciron “até un terzo dos mortos”, segundo salientou Catarina Martins, que resaltou o “esforzo” do persoal deses centros, “que se sacrificaron, a pesar da precariedade, quedando internos nos seus centros de traballo e sen ver ás súas familias”.

Martins tamén destacou o "extraordinario labor" das e dos profesionais da sanidade en Portugal, así como das universiadades, escolas e laboratorios públicos, e lembrou que "ninguén debe quedar atrás", un postulado fundamental tamén para Ana Pontón, que cualificou de "perigo para a humanidade" o neoliberalismo. "Se seguiramos estritamente os seus postulados, estaríamos moito peor e teríamos menos capacidade para erguernos", concluíu.