En pleno debate sobre a taxa turística na Galiza: Catalunya, Balears e Lisboa manteñen, e mesmo aumentan, os seus gravames
En todo o mundo hai 137 cidades dun total de 20 países que cobran unha taxa turística por persoa e pernoita, un modelo estreado hai case dúas décadas e que nos últimos anos non fixo máis que estenderse ao demostrar ser “un modelo de éxito e de xestión sostíbel do turismo”, afirma a Nós Diario Josep Maria Piqué, responsábel de comunicación da Generalitat de Catalunya durante o Goberno de Artur Mas, cando se aprobou a taxa (2012). Canda Balears son os únicos territorios no Estado español nos que até o de agora se aplicaba o gravame. Esta semana as cidades da Coruña e Compostela súmanse á lista, logo de aprobaren sellas ordenanzas para a posta en marcha deste imposto neste mes de outubro —a segunda feira na cidade herculina, esta cuarta feira na capital galega—.
A Coruña e Compostela son as primeiras cidades galegas en implantar este imposto, cunhas taxas que oscilan entre 1 e 2,50 euros por visitante e noite de estadía. Todos os estabelecementos afectados pola medida —hoteis e vivendas turísticas, polo de agora— terán que abonala a través dunha plataforma dixital con dúas autoliquidacións ao ano: unha en xullo para o primeiro semestre e outra en xaneiro para o segundo.
Sen prexuízos
En ambas as cidades, o sector hoteleiro interpuxo senllos recursos xudiciais contra a implantación do gravame, e onte mesmo o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) denegou a suspensión cautelar que demandaba a Asociación Unión Hotelera Compostela, polo que desde esta cuarta feira xa está en vigor. No auto, contra o que non cabe presentar recurso, a Sala advirte de que aínda non examinou a validez da taxa turística, algo que fará cando entre no fondo do asunto e emita a correspondente sentenza.
A maxistratura, tras ponderar os intereses en conflito, conclúe na resolución difundida onte que "non se evidencia que sexa de superior rango o interese sostido pola asociación recorrente en evitar a aplicación do tributo que o interese público inherente aos investimentos e gastos aos que o importe recadado afecta e a finalidade extrafiscal fixada pola disposición legal que o crea". "Non hai un prexuízo económico inmediato e evidente para a recorrente polo feito da entrada en vigor dunha disposición que non estabelece un gravame económico directo e inmediato para o colectivo representado pola asociación, que non é a obrigada ao pago do tributo, senón que o serán os clientes dos estabelecementos", conclúe o auto, dando así a razón á alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, quen esta terza feira asegurou que “non hai ningún criterio nin condición” polo que habería que suspender a aplicación da taxa, que hoxe entra en vigor “con total normalidade”.
Casos de éxito en Catalunya, Balears ou Portugal
Gobernos de todos os signos políticos implantaron xa senllos gravames ao turismo en Catalunya, Balears ou Lisboa, e fontes dos mesmos consultadas por este xornal salientan a súa importancia tanto na "xestión sostíbel dos fluxos turísticos" como tamén como "unha importante fonte de ingresos para reinvestir nos territorios en actuacións de promoción turística e en mantemento de patrimonio e servizos municipais".
Catalunya foi o primeiro territorio do Estado español en implantar unha taxa turística no ano 2012. O daquela Goberno de Artur Mas (da extinta CiU, que desembocou no que hoxe é Junts) implantou a medida para todo o territorio. Desde o gabinete do ex president, Joan María Piqué lembra que no primeiro momento a medida “xerou moita controversia e oposición no sector, pero agora a taxa tornou nunha fonte de ingresos estábel para a promoción e a xestión turística sen afundir o sector, como algúns vaticinaban”.
A taxa catalá comezou en 2012 con 2,5 euros e hoxe xa alcanza os 6,75 euros por noite, e “mesmo se ampliou en cidades como Barcelona, que ten desde 2021 un recargo metropolitano adicional sobre a taxa xeral”, explica Piqué. No caso de Catalunya “os datos demostraron que non houbo unha caída do turismo pola taxa”, di. De feito, nos anos 2013 e 2014 “Catalunya bateu récords de visitantes internacionais, e Barcelona consolidouse como unha das capitais máis visitadas de Europa”.
Desde a Dirección Xeral de Turismo de Balears, da que é titular Pep Aloy, apuntan que foi precisamente Aloy “quen implantou este imposto”. O actual Goberno de Marga Prohens (PP) mantén esta taxa e mesmo recoñece que hoxe “asesora” gobernos como os das Illas Canarias ou Euskadi para a súa implantación. No caso de Balears, a primeira 'ecotaxa' chegou co Goberno de coalición do socialista Francesc Antich, mais Jaume Matas (PP) suprimiuna. Volveu implantarse coa tamén socialista Francina Armengol e o actual Goberno popular decidiu mantela e defende agora os seus beneficios.
No caso de Portugal, a taxa turística leva anos implantada en moitas das súas principais cidades, como Lisboa, Porto ou Faro, A Cámara Municipal de Lisboa (Partido Social Demócrata) vén de aumentar a contía, que pasa de 2 a 4 euros por persoa e noite. Págase en estabelecementos hoteleiros, apartamentos turísticos, 'turismo de habitación' e barcos-hoteis ou similares.
As diferentes taxas: Dos 20 euros en Amsterdam ao 5% da estadía en Alemaña
Un total de 19 países de toda Europa teñen implantada nunha ou varias cidades unha taxa turística. En Italia son máis de 35 as localidades con este imposto adicional; en Francia, máis de medio cento, con gravames que oscilan entre os 20 céntimos e os 4 euros por persoa e noite de estadía. Tamén Alemaña ten implantada esta taxa, que no seu caso se estima en 5% da factura total do aloxamento. A máis cuantiosa é a de Ámsterdam (Países Baixos), que cobra unha taxa turística por aloxamento de 20 euros por persoa e noite. No caso de Venecia (Italia), a cidade chegou ao extremo de cobrar esta taxa mesmo sen que os turistas fagan noite nos estabelecementos hoteleiros da cidade: son 5 euros por persoa e día.
Viena (Austria), Bruxelas, Amberes e Bruxas (Bélxica), Praga (República Checa), Budapest (Hungría) ou algunhas vilas de Grecia son outros dos lugares que cobran unha taxa turística. A experiencia nestas cidades ten demostrado que, unha vez implantado, o gravame chega para quedar e mesmo segue a aumentar co paso dos anos. "Uns euros por noite non mudan a elección cando hai motivación real para visitar o destino”, afirma Joan María Piqué, sobre o caso catalán, onde tanto o turismo como os ingresos polo mesmo creceron.