CARTAS Á DIRECTORA

Cataluña

[Imaxe: ANC] Mobilización en defensa das presas e presos políticos cataláns

A seguir, publicamos unha carta á directora redixida por Xosé-Bieito Coello Coello.

A moita xente non catalá, seguramente que non a maioría dos españois, aínda que moitos destes últimos posiblemente están desinformados pola caverna mediática madrileña, gústanos Cataluña; estamos cómodos coa súa xente, apreciamos que a maioría son unha poboación culta, son laboriosos, emprendedores, etc, e por iso estaríamos encantados en que se quedasen en España, nun sistema no que se sentisen máis cómodos: sistema actual autonómico, federalismo, confederalismo, etc, e tamén aceptamos, como demócratas por riba de todo, que se independicen, sempre que unha maioría deles o decida democraticamente con tódalas garantías, e coas limitacións que isto ten, pois ó seguir dentro de Europa, que é o que a inmensa maioría dos cataláns seguro prefiren, a independencia non é total. É exactamente igual que ó que nos pasa co Reino Unido, no que tampouco moitos españois queríamos que se marcharan de Europa, mais si eles democraticamente o decidiron, hai que respectalo.

 

Outra moita xente española, que non lle gustan os cataláns, e que nin sequera algúns deles pisaron Cataluña, non só non quere que se independicen, senón que non permite, dende o meu punto de vista antidemocraticamente, que poidan expresarse, como dixen antes, por algunha opción maioritaria que o mellor era o federalismo ou a confederación ou simplemente, se son maioría, como din algunhas enquisas, quedar como están.

 

E o peor é que nin sequera permiten unhas simples negociacións nas que se poda chegar a un mínimo punto de encontro, e non disimulan que para lograr esta unión á forza, utilizar a policía, a garda civil, o exército, -si fixera falta-, ou a unha xudicatura non independente precisamente, pois todos sabemos como ó Consello do Poder Xudicial o reparten só entre os dous grandes partidos estatais, e por riba, estes xuíces guíanse por unhas leis especiais, -a mesma Constitución fíxose baixo a ameaza dos sables do exército-, que como pode verse, non son compartidas pola maioría dos países democráticos europeos.

 

E o malo é que isto non se amaña polas bravas. Meterán no cárcere, algúns ata que morran, para dar un escarmento, a uns poucos líderes cataláns que o único delito que cometeron é cumprir coa xente que os elixiu, sen cometer actos violentos nin roubar, mais outros moitos líderes apoiados pola xente substituiranos e estaremos nas mesmas, seguramente con máis independentistas, salvo que en España apareza outra ditadura como a que xa padecemos, aínda que os partidarios dela teñen un problema: Europa non o vai permitir.  

 

A ver se polo menos o PSOE, que nos seus comezos tamén defendía o dereito de autodeterminación, sabe con quen se alía. Dá gusto ver como se fan referendos en Escocia, Quebec, Illas Feroe, Porto Rico, Alemaña Oriental, Montenegro, Xibraltar, etc, etc. e non pasa nada, sexa o resultado que sexa.

 

Xosé-Bieito Coello Coello. As Pontes