Javier Castroviejo, ex director de Doñana: "Hai que prohibir xa a plantación de eucaliptos, cada ano agravarán máis os incendios"
Javier Castroviejo (Bueu, 1940) é doutor en Bioloxía e investigador, dirixiu a Estación Biolóxica de Doñana (CSIC), en Andalucía, e é presidente do Consello Internacional de Coordinación MaB Unesco (París). Atende Nós Diario en Antas de Ulla, de camiño a Palas de Rei (A Ulloa), a onde viaxou esta quinta feira desde Sevilla, lugar en que reside, para impartir unha conferencia sobre o eucalipto convidado por Ulloa Viva e o Instituto de Estudos Ulloáns.
Castroviejo Chega á Galiza nunha vaga de lumes que están a pór en perigo hectáreas de monte, casas, e veciñanza, “nada novo”, afirma, “calan moito o tipo de vexetación que arde, non queren dicir que basicamente é eucalipto e piñeiro plantado”.
Coa súa bagaxe profesional, considera culpábel da maior virulencia e destrución cada ano dos lumes na Galiza a “política forestal” da Xunta, que di está feita desde hai décadas “por madeiristas”. Demanda “unha reforma radical da Administración” nesta materia, unha Administración que “non gaste os cartos en extinción senón que faga prevención”. Como primeira medida, explica a Nós Diario que hai que “prohibir xa a plantación de eucaliptos”, unha especie “invasora, unha praga”, que pola súa condición pirófita agrava ano a ano os incendios. “Hai que mudar o rumbo, senón, isto é a crónica dunha morte anunciada”, asegura.
Castroviejo visita Galiza con frecuencia. Na última ocasión, hai menos dun ano, relataba a este xornal que, desde 2017, cando se produciron lumes devastadores en Portugal e chegaron a Vigo, “todos os anos posteriores están a ser parecidos, e van a peor”. Pero advirte a respecto dos incendios na Galiza que “arde aquilo que pode arder, o que está plantado de eucaliptos e piñeiros. O bosque natural non se queima”, afirma.
“O eucalipto é pirófito, arde intencionadamente ou non, é gasolina nas rúas que prende. Iso é o que hai que evitar”, explica o biólogo presidente tamén da Asociación Amigos de Doñana. No caso da Galiza, considera “un disparate” que arredor de 15 ou 20% da superficie forestal estea xa ocupada por plantacións de eucalipto, “cada vez hai máis eucalipto plantado, avanzando da costa cara ao leste e agora do sur cara arriba”, e todo isto acontece “diante dos nosos ollos por intereses, non por cegueira”, afirma, e no medio dunha moratoria á plantación de eucaliptos da Xunta de Galiza que remata o 31 de decembro deste ano. “Non se cumpre a lei”, asegura, “cantas casas terán que arder e xente que morrer para que se dean conta do que pasa cos montes”, pregunta. Sobre a intencionalidade ou non dos lumes, sinala que “o que pode queimar queima, pero se o monte está para arder arde, e cada ano peor”.
A “mentira” do CO2 nos eucaliptais
Castroviejo considera “un disparate” o feito de que “vendan” desde as Administracións que as plantacións de eucalipto contribúen a eliminar a pegada de carbono como un bosque autóctono. Coa función cloroifílica destas árbores, as capturas de CO2 pasan pola planta até as raíces “e despois ao chan, onde está o maior depósito de CO2 dos eucaliptais”. Entre as plantacións de eucalipto “hai que arar, e cando aras, no caso do eucalipto cada poucos anos, liberas todo ese CO2”.
Como alternativa, sinala as subvencións ao gando e ao pastoreo no monte para limpar, “temos unha ferramenta única que é o cabalo de monte” que asegura pode manter limpos os terreos.
A afectación da celulosa de Altri ao patrimonio no centro da Galiza
Na conferencia de onte en Palas de Rei, Javier Castroviejo asegurou que a instalación da macrocelulosa de Altri na Ulloa “provocaría unha situación sen retorno e a perda dun patrimonio incalculábel”. Segundo dixo Castroviejo, a macrocelulosa “sería a fin de algo que non volverá, e que marcaría a colonización do resto da Galiza polas novas especies de eucalipto que soportan as xeadas” e que, advertiu, “están agora en plena expansión”. Javier Castroviejo dixo que “sen natureza non hai cultura e sen cultura non hai nación”, e comparou a ameaza sobre o corazón da Galiza con Altri cos ataques que leva anos sufrindo Doñana, de cuxa estación biolóxica foi director e mesmo redactor da Lei 91/1978 sobre o Parque Nacional de Doñana. Castroviejo sinalou “moitas semellanzas” con Doñana no caso da problemática sobre o proxecto de Altri en Palas, “igual ou peor” sinalou, e advertiu que en caso de instalarse a macrocelulosa, o Val do Ulla “podería desaparecer pola contaminación” e a paisaxe do interior de Lugo “sería eucaliptizada”. Na charla 'O río Ulla. A paisaxe e os eucaliptos', organizada pola Plataforma Ulloa Viva e o Instituto de Estudos Ulloáns, Castroviejo puxo en valor a loita veciñal contra o proxecto de Altri como “a defensa de valores e principios diante dunha Administración insensíbel e a conta de resultados dunha industria”.