Castroverde ficará sen persoal médico até o día 2

Mobilización en Castroverde na defensa da sanidade pública, hoxe. (Foto: Nós Diario)
A localidade tampouco ten servizo de Urxencias.

Veciñanza de Castroverde (comarca de Lugo) mobilizouse onte, convocada polo Bloque Nacionalista Galega (BNG), para denunciar a ausencia de persoal médico desde o pasado 25 de decembro até o 2 de xaneiro. Así, segundo denunciou esta terza feira Laura Arroxo, veciña e militante do BNG de Castroverde, durante esta semana, perto de 2.500 persoas "cunha media de idade moi avanzada" ficarán sen atención médica. "A Xunta da Galiza intenta facer en Castroverde o que xa se fixo noutros centros de Atención Primaria, redúcese a calidade do servizo até fechar o centro de saúde", afirmou Arroxo. 

Para a veciñanza de Castroverde, estar sen persoal médico durante sete días e que só se preste atención pediátrica tres días á semana "non é casualidade". Segundo lembraron esta terza feira, en 2010 a Consellaría "levou" a ambulancia medicalizada para a localidade veciña do Corgo (comarca de Lugo). Máis tarde, "quitaron un dos tres médicos que había no centro", deixando unicamente dous profesionais para toda a poboación deste concello lucense. 

Tampouco se cobren as baixas. "Ademais de todo isto, estamos na situación que denunciamos, onde non cobren nin as baixas nin as vacacións, obrigándonos a ir ás Urxencias do Hospital Universitario Álvaro Cunqueiro (HULA), que xa están o suficientemente saturadas", criticou Arroxo. 

Desta maneira, e segundo denuncia a formación nacionalista, á falta de persoal médico en Atención Primaria, súmase que a veciñanza de Castroverde debe desprazarse perto de 20 quilómetros para recibir atención médica de urxencia

Resposta "masiva"

A resposta da veciñanza de Castroverde a esta concentración foi valorada polo BNG como "masiva", e na mesma acordouse seguir adiante con outras medidas "até conseguir que o Sergas reverta esta situación". Así, a veciñanza de Castroverde sumarase á de diferentes localidades do país que, nunha auténtica vaga mobilizadora en defensa da sanidade pública, levan concentrándose ao longo do último mes. 

"A política de recortes do Partido Popular na Xunta da Galiza déixanos sen atención sanitaria digna no rural pero coa nosa saúde non se xoga. Defenderemos o noso centro de saúde", sentenciou Arroxo.