O río Miño desborda ao seu paso por Lugo e Castro de Rei

Desbordamento do río Miño ao seu paso por Lugo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Os lugares máis afectados no concello castrexo foron Ponte de Outeiro e Pacios.

Os lugares máis afectados polo desbordamento do río Miño nas últimas horas no municipio de Castro de Rei, tras as intensas choivas da fin de semana, son Ponte de Outeiro e Pacios, segundo apuntan desde o consistorio.

O alcalde de Castro de Rei, Paco Balado, valorou que estes asolagamentos "son moito máis leves que outros anos, porque os desbordamentos simplemente cobren o río e pouco máis" e, polo tanto, "non afectaron como noutras ocasións", destacou.

Con todo, expuxo que "nalgunha zona hai prados e zonas de cultivo que están parcialmente asolagadas, pero só durante unhas horas". "Non houbo desbordamentos como noutras ocasións", reiterou.

As zonas máis afectadas, debullou Balado, "sempre adoitan ser as zonas de Ponte de Outeiro e Pacios, que son as zonas por onde discorre o río Miño e onde se produce o maior número de desbordamentos".

A continuación, insistiu en que "este ano afectou moito menos que outros anos, pode ser debido a que chovese de forma moi continua e os ríos están máis limpos que outros anos e iso fai que a auga baleire con máis facilidade que cando os ríos están máis tupidos ou cheos de vexetación".

Desbordamento en Lugo

Tamén o Miño desbordou este domingo, día de Nadal, ao seu paso pola cidade de Lugo, despois das intensas choivas rexistradas durante toda a fin de semana, con inundación incluída dunha parte das instalacións do Club Fluvial.