Castrillo defende que non hai motivo para que lle atribúan “unha falta grave”

Concentración na defensa do xefe de Xinecoloxía de Verín. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

O xefe de Xinecoloxía do Hospital de Verín acudiu esta sexta feira a declarar ante a Inspección de Traballo

Javier Castrillo, xefe da área de Xinecoloxía do Hospital de Verín, afirma que non hai ningún “motivo” para que lle atribúan “unha falta grave”. Así se manifestou esta sexta feira na súa declaración ante a Inspección de Traballo polo expediente disciplinario aberto pola Xunta contra a súa persoa.

O médico, que se desprazou até Vigo no marco do proceso administrativo que supostamente se abriu por unha diferenza de pareceres cunha pediatra, insistiu en que non atopa “ningún motivo de peso” para que esa situación derivara na apertura dun expediente que pode levar á súa inhabilitación.

Organizacións cidadás e Concellos do entorno xa amosaron o seu apoio a Castrillo e mesmo houbo concentracións diante do centro hospitalario.

A sospeita que ten o xinecólogo, e o resto do movemento social e político da zona de Verín, é que a queixa está vinculada ao feito de que participase nas manifestacións contra o feche do paridoiro que tiña programado a Consellaría de Sanidade.

A contestación social impediu a desaparición dese servizo e un ano despois apareceu este proceso contra o xefe do departamento.

Ademais, a pediatra aseguraba após a xustificación do presidente do Executivo galego, Alberto Núñez Feixoo, que ela non denunciara por “iniciativa propia” senón que foi o seu xefe de servizo o que llo pediu.

Ante a Inspección, Castrillo rexeitou que “faltara ao respecto” á súa compañeira polo desencontro. “Agora toca agardar porque supoño que tomarán declaración ás testemuñas que consideren”, engadiu ante os medios.