Castrelo de Miño enfróntase a un incendio que xa arrasou 20 hectáreas, sen brigadas nin motobomba municipais

Vista do incendio en Castrelo de Miño. (Foto: Facebook)
O alcalde decidiu non contratar brigadas forestais este ano, a pesar de que o municipio contaba con dúas durante o Goberno do BNG.

A Consellaría de Medio Rural vén de informar dun incendio que comezou ás 17.43 horas no concello de Castrelo de Miño e que a esta hora xa arrasou vinte hectáreas de terreo forestal, segundo as primeiras estimacións provisionais.

Neste sentido, Nós Diario puido falar cun veciño do municipio que denuncia a "alarmante" falta de medios municipais para facer fronte ás lapas, ao tempo que avisa que o lume está a avanzar "moi rápido" e achégase ás aldeas, o que obrigou a evacuar varias casas de Traveso e Noallo de Abaixo.

Segundo explica este veciño, Castrelo do Miño contaba até hai pouco con dúas brigadas de prevención de incendios forestais, contratadas durante o Goberno do BNG. Porén, o actual alcalde, Avelino Pazos Pérez (PP), optou por non contratar este ano ningunha brigada forestal.

"Xa non é o que pasa noutros concellos, que a Xunta chega tarde a asinar os convenios das brigadas. Aquí o alcalde decidiu que non era necesario contratar ningunha. Faino todo para borrar calquera medida que levase a cabo o BNG no concello", denuncia este veciño.

Motobomba avariada

Aliás, o Concello tamén conta cunha motobomba, comprada na época en que a formación nacionalista ocupaba a Alcaldía, pero que agora se atopa avariada.

"O alcalde explicou no último pleno que había que arranxar a motobomba, polo que nin sequera se atopa na comarca", detallou este veciño a Nós Diario, para despois criticar que o tractor municipal tampouco conta cunha cisterna para poder botar auga ás lapas "porque o alcalde decidiu vendela".

"Só contamos cos poucos medios que enviou a Xunta, que non son suficientes", lamenta o veciño. Segundo Medio Rural, están despregados no concello seis avións, catro helicópteros, catro motobombas, oito brigadas, tres axentes, unha pa e un técnico.

Porén, este veciño denuncia que o Goberno galego non desprazou ningún hidroavión até a zona, polo que os labores de extinción están a ser insuficientes para controlar o incendio que segue a avanzar por Castrelo de Miño.