Os casos vinculados á viaxe de fin de curso a Mallorca suman xa 102

Un mozo contempla as pantallas de información dos voos no aeroporto de Palma, nas Balears (Foto: Isaac Buj / Europa Press)

Sanidade informa de que os casos positivos asociados ao "megasurto" das viaxes de fin de curso a Balears superan o centenar na Galiza.

A Consellaría de Sanidade informou de que os casos positivos asociados ao "megasurto" das viaxes de fin de curso a Baleares suman 102 positivos, a maioría deles na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés -e a metade, contan coa variante Delta-. Precisamente, o Comité Clínico que asesora a Consellaría reúnese esta terza feira, 29 de xuño, para estudar a situación e para ver se adopta algunha restrición na citada área, por ser a máis afectada.

Ademais, Sanidade confirmou que esta terza realizará un cribado entre perto dun cento de estudantes de Pontevedra e A Coruña que chegan á Galiza despois de viaxar a Mallorca. Pasarán os tests no aeroporto para poder determinar o alcance do foco.

Pontevedra, a debate no Comité Clínico

En todo caso, as áreas sanitarias de Pontevedra e Vigo están no foco da reunión que manterá esta terza o Comité Clínico que asesora a Consellaría de Sanidade e sobre a mesa atópase un posíbel incremento das restricións.

Decidirano após analizaren a incidencia a sete e a 14 días, así como as características dos casos, é dicir, se se manteñen no ámbito "importado" fundamentalmente ou se empezan a ser de carácter comunitario.

Denuncian falta de información

Por outra banda, estudantes galegas confinadas no hotel Bellver de Palma de Mallorca, pola súa posíbel vinculación co macrosurto de Covid-19, lamentaron que apenas reciben información desde que están illadas e que "a que dan é contraditoria".

É o caso de varias mozas da Coruña e Vimianzo, que se atopan confinadas nese hotel desde o pasado sábado, a pesar de que os seus primeiros resultados en test de antíxenos foron negativos. Trátase de mozas que, aínda que de diferentes localidades, viaxaron nun grupo organizado pola mesma axencia e chegaron á illa a pasada quinta feira.
Segundo relatou a Europa Press Lara, de Vimianzo, cando chegou o seu grupo aloxouse sen problemas no hotel previsto. Ao día seguinte saíron a un parque acuático e outras actividades, nas que tiveron contacto con estudantes andaluces que, segundo aseguraron, "deran negativo nas súas probas PCR".

Pouco despois confirmouse que, entre eses estudantes, algúns estaban contaxiados por Covid-19. "Avisáronnos de que nos tiñamos que confinar no noso hotel, e fixéronnos tests de antíxenos, pero todos os do noso grupo demos negativo", explicou Lara.

Pouco despois, relatou outra das afectadas, Aroa (da Coruña), indicáronlles que os membros do grupo (case unha trintena de galegas e galegos) serían trasladadas ao hotel designado polo Govern de Baleares para illar os casos positivos e os contactos estreitos ou susceptíbeis de ter o virus. "Aí si que nos deu medo, porque nós deramos negativo e levábannos a un hotel con contaxiados", engadiu.

Aroa sinalou que, segundo as informaron "inicialmente", unha vez no hotel serían sometidas a unha proba PCR e, se esta era negativa, poderían volver á Galiza, "pero agora dinnos que temos que quedar illadas 10 días, aínda que a PCR dea negativa". Segundo o protocolo das autoridades sanitarias, é de obrigado cumprimento manter unha corentena de dez días, en caso de contactos estreitos, aínda que as probas diagnósticas sexan negativas.

A evolución da pandemia muda: soben as infeccións e os ingresos

Galiza iniciou a semana con 1.507 casos activos de Covid-19 e 124 novos contaxios diarios, segundo o último balance da Consellaría de Sanidade. As infeccións activas soben por quinto día consecutivo e aumenta tamén, por segundo día, a presión hospitalaria derivada do coronavirus. A taxa de positividade tamén aumenta e alcanza 3,5%.
Hai 52 pacientes hospitalizados -catro máis-, dos que 14 se atopan en unidades de coidados intensivos -dúas máis-.
Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria sobe nas da Coruña e Cee; Pontevedra e O Salnés e Santiago e Barbanza; mentres que descende na de Lugo; e mantense na de Ourense, Vigo e Ferrol.

En concreto, na área da Coruña e Cee seguen catro pacientes en UCI e aumentan a 23 os doutras unidades -dúas máis-; e na de Pontevedra e O Salnés soben a tres os críticos -un máis- e a sete os doutras unidades -un máis-. Mentres, na área de Santiago e Barbanza continúa un paciente  Covid en UCI e outro nunha unidade convencional -un máis, xa que na xornada anterior non había ningún-. Pola contra, na de Lugo aínda que aumentan a dous os críticos -un máis-, descenden a dous os doutras unidades.

As outras tres áreas sanitarias seguen sen cambios: a de Vigo continúa cun paciente en UCI; a de Ferrol con dous críticos; e a de Ourense con un.

En canto aos positivos, a  área da Coruña e Cee destaca á cabeza con 491 casos activos; seguida da de Pontevedra e O Salnés, con 226; Vigo, con 219; a área de Lugo, con 189 positivos; Ourense, con 165;  a área de Santiago e Barbanza, con 148; e á cola segue a de Ferrol, con 69 casos activos.