Os casos en residencias de maiores soben até os 80 após detectarse 28 contaxios nun centro de Betanzos

(Foto: Europa Press)

Os contaxios de Covid-19 en residencias de maiores aumentaron até os 80 após detectarse 28 casos novos na residencia García Irmáns de Betanzos, tal e como informou o Sergas nun comunicado.

Así as cousas, ademais dos casos en Betanzos, hai outros 24 casos na Residencia Val de Monterrei (Monterrei), sete na residencia de Ribadeo, seis na Vivenda comunitaria de Alfoz, cinco na residencia Someray (Pontevedra), tres na residencia de Santa Marta de Vigo e outros dous casos na de Santo Estebo de Perlío (Fene).

Ademais, continúan cun caso activo as residencias Bo Día Magnolio (Vigo), Domusvi de Vigo, Chandrexa de Queixa, e Caser A Zapateira e Concepción Arenal, ambas as na Coruña.

Por outra banda, os casos nas residencias de discapacidade baixan a 14, todos no Fogar e Clínica de San Rafael en Vigo, após negativizarse unha infección no mesmo lugar.