Os casos importados na Galiza desde o estranxeiro ascenden a 200 desde maio

Un pasaxeiro camiña polo aeroporto de Madrid, territorio á cabeza dos positivos importados. (Foto: Europa Press).
Inclúen casos de fóra do Estado español. A Galiza ocupa o sétimo posto nunha lista que lidera Madrid. 

A Galiza rexistra un total de 198 casos de Covid-19 importados do estranxeiro desde o 11 de maio, segundo o último informe do Ministerio de Sanidade.

Ocupa o sétimo posto con máis casos importados entre os territorios do Estado. Porén, na semana entre 6 e 12 de novembro non houbo ningún desta tipoloxía na Galiza.

Madrid colócase á cabeza con 820 casos, dos que 55 foron diagnosticados nos últimos seis días. Séguelle Canarias (714, dos que 27 son recentes) e Andalucía (656, dos que 33 son entre 6 e 12 de novembro).

Con menos da metade dos casos está Catalunya, que desde maio tivo 362 casos de Covid-19 importados. Murcia ocupa a quinta posición, con 286 positivos importados.

A suma a nivel estatal alcanza os 4.356 casos importados e os territorios con menos positivos recibidos de fóra son Melilla (8), Asturias (10), Ceuta (11), Cantabria (38) e Euskal Herria (44).

O Ministerio de Sanidade anunciaba a pasada cuarta feira que a partir de agora o Estado español exixirá ás persoas viaxeiras internacionais que veñan de países de risco que posúan unha PCR negativa feita nas 72 horas previas á chegada.