Os seis casos de Covid-19 da Mariña son "compatíbeis" coa nova cepa

Un equipo das Urxencias Sanitarias da Galiza traslada en ambulancia unha persoa infectada polo novo coronavirus (M. Dylan / Europa Press).
Trátase dun grupo familiar de cinco persoas de orixe inglesa, ademais dunha sexta persoa que é un contacto estreito

Os seis casos de Covid-19 da Mariña son "compatíbeis" coa nova cepa de coronavirus, segundo fontes sanitarias consultadas por Europa Press. Polo momento, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) só confirmou un caso desta cepa nunha paciente da área sanitaria de Santiago procedente do Reino Unido.

Así o indicou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que ratificou que hai outro caso en estudo, ao que se suman o seis detectados na zona da Mariña lucense.

En relación a este último, precisou que se trata dun grupo familiar de cinco persoas de orixe inglesa, ademais dunha sexta persoa que é un contacto estreito. Após realizarlles unha PCR, e dar positivo, estase á espera agora dun diagnóstico definitivo.

Nova cepa

O ministro británico de Sanidade,  Matt  Hancock, anunciaba a mediados dest mes que detectaran unha nova variante do  SARS- CoV-2, o coronavirus que causa a Covid-19. A mutación dun virus é completamente normal, non é nada extraordinario. O proceso de mutación é normal en calquera virus. De feito, desde que se detectou que o virus se estendeu aos humanos -en Wuhan a principios deste ano- identificáronse moitos diferentes.

Nun comunicado daquela, o Grupo Asesor sobre Ameazas de Virus Respiratorios Novos e Emerxentes (Nervtag), que asesora oficialmente o Goberno británico, anunciou que esta nova cepa pode estenderse máis rápido que outras variedades, concretamente até un 71% máis. Non hai constancia doutro cambio. A variante contén 23 cambios nun código xenético de 30.000 nucleótidos, moitos dos cales están relacionados con alteracións dunha proteína producida polo virus.