Os casos activos soben por sexto día e sitúanse en 2.400

Dispositivo de cribado masivo para detectar positivos por coronavirus (Foto: Rosa Veiga)

Baixan levemente os novos contaxios e a presión hospitalaria.

Os casos activos de Covid-19 manteñen a tendencia ascendente por sexta xornada consecutiva, transcorridos 10 días do período festivo da Semana Santa, e ascenden lixeiramente a 2.400, mentres que os pacientes ingresados por este coronavirus descenden a 184, un menos que a xornada anterior. Pola súa banda, os novos contaxios baixan a 158.

Segundo os datos actualizados na mañá desta cuarta feira pola Consellería de Sanidade con rexistros até as 18:00 horas desta terza feira, descenden a 26 os pacientes Covid en UCI, que supoñen tres menos, mentres soben a 158 os que se atopan noutras unidades -dous máis-.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria alíviase nas da Coruña e Cee, Ourense e Santiago e Barbanza; mantense na de Vigo; e aumenta lixeiramente nas de Ferrol, Pontevedra e O Salnés e Lugo.

En canto aos casos activos, ascenderon lixeiramente por sexta xornada consecutiva até os 2.400 no conxunto de Galiza, o que supón 18 máis, ao rexistrarse máis contaxios (158), que altas (139), ao que hai que engadir un falecido.

Por áreas sanitarias, baixan na da Coruña e Cee (-16); mantéñense igual nas de Lugo e Santiago e Barbanza; mentres que aumentan nas de Ourense (+7), Ferrol (+7), Pontevedra e O Salnés (+9) e Vigo (+11).

Despois a repunta de novos contaxios detectado esta terza feira, freouse a tendencia ao rexistrarse 158 con calquera tipo de proba, tras os 126 da segunda e os 165 da xornada pasada.

Do total, 133 foron positivos confirmados por PCR nas últimas 24 horas -os mesmos que a xornada anterior-, dos cales 44 corresponden á área de Vigo; 28, á da Coruña e Cee; 19, á de Ourense; 13, á de Santiago e Barbanza; 12, á de Lugo; nove, á de Pontevedra e O Salnés; e oito, á de Ferrol.

No que respecta á taxa de positividade, mantense nun 2%, polo que continúa por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada a pandemia.

Desde o inicio da pandemia faleceron 2.370 persoas diagnosticadas con Covid-19, despois de comunicar Sanidade esta terza feira a morte dun home de 60 anos.