Os casos activos seguen en descenso, os novos contaxios baixan e a taxa de positividade redúcese a 1%

Imaxe de arquivo dun cribado.

Galizainicia a terceira semana sen estado de alarma cunha lixeira suba de ingresados a 144 pacientes.

Galiza inicia a terceira semana sen estado de alarma cunha lixeira suba dos pacientes Covid ingresados até os 144, que supoñen seis máis que a xornada anterior, mentres que os casos activos descenderon a 2.624 e os novos contaxios baixan a 123.

Segundo os datos actualizados na mañá desta segunda feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas deste domingo, ascenden a 32 as persoas ingresadas en UCI debido á Covid -dúas máis- e a 112 as que permanecen noutras unidades de hospitalización -catro máis-. Ademais, a día de hoxe hai 2.480 pacientes en seguimento nos seus domicilios.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria sobe lixeiramente nas da Coruña e Cee, Vigo e Lugo; mentres que se mantén nas de Santiago e Barbanza, Ourense, Pontevedra e O Salnés e Ferrol.

Pola súa banda, os casos activos de Covid-19 no conxunto descenden por segunda xornada consecutiva e sitúanse nos 2.624, que supoñen 32 menos, ao haber máis altas (154) que contaxios (123), aos que se engade un falecemento.

Por áreas sanitarias, as infeccións activas descenden en cinco das sete: A Coruña e Cee (-19); Pontevedra e O Salnés (-10); Vigo (-7); Ferrol (-4) e Santiago e Barbanza (-2), mentres que aumentan lixeiramente nas de Ourense (+3) e Lugo (+7).

Galiza inicia esta semana con 123 novos contaxios detectados con calquera tipo de proba, que supoñen 50 menos que os rexistrados na xornada anterior. Do total de positivos, 106 foron confirmados por PCR nas últimas 24 horas, que supoñen 64 menos que a xornada anterior, deles 33 na área de Vigo; 21 na de Santiago e Barbanza; 17 na de Lugo; 11 na de Pontevedra e O Salnés; 10 na da Coruña e Cee; oito na de Ourense; e seis na de Ferrol.

En canto á taxa de positividade reduciuse a un 1,26%, após se situar nun 2,8% o día anterior. Por tanto, segue por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada a pandemia. 

Desde o inicio da pandemia faleceron no conxunto da Galiza 2.411 persoas diagnosticadas de Covid-19 após notificar este domingo a Consellería de Sanidade un novo óbito. En concreto, morreu un home de 92 anos no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi). Este paciente morreu o sábado e presentaba patoloxías previas.